mainimg
Código: LP009
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque Luís Pasín

Barrio

Conxo

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Liquidambar styraciflua L.

Nome común en galego

Liquidámbar ou ocozol

Nome común en castelán

Liquidámbar

Información

Características

Varios exemplares de liquidámbar están presentes no Parque Luis Pasín. Podémolos atopar no espazo situado entre a pista deportiva e a avenida de Ferrol, así como na prolongación do parque cara a Capela de Santa Marta. Destacan sobre todo nos meses do outono, cando presentan unha impresionante coloración nas súas follas, con tons que van dende o alaranxado até o morado.

Orixe e distribución

Esta árbore é orixinaria do leste e sueste dos Estados Unidos, montañas do centro e sur de México e terras altas de Guatemala. Durante o período Terciario tivo unha distribución ampla, ocupando gran parte do Hemisferio Norte, mais a pesar da súa resistencia ao frío, as glaciacións do Cuaternario eliminaron as poboacións europeas, quedando testemuñas no rexistro fósil que lle outorgan o status de especie reliquia.

Descrición

Árbore caducifolia con copa ancha, porte cónico e pólas horizontais ou lixeiramente dirixidas cara arriba. Non talla máis de 40 metros de altura. Ten a casca lisa e gris cando o exemplar é novo, e vaise agretando co paso do tempo até formar as suberosas.

As follas son alternas, palmeadas e lobuladas, longamente pecioladas e dotadas dun arrecendo agradable. Lembran lixeiramente ás do plátano de sombra ou ás dos pradairos. En verán son de cor verde brillante, mais en outono tornan espectaculares ao adquirir tonalidades vermellas, violetas, amarelas e alaranxadas moi intensas.

Ten flores pequenas, as femininas de maior tamaño que as masculinas, que se agrupan en masas globosas que aparecen na árbore entre abril e maio. Ao igual que as follas, as inflorescencias parécense aos dos plátanos e pradairos, o que apunta á proximidade evolutiva entre as dúas familias. O froito é unha infrutescencia globosa moi característica, formada por pequenas cápsulas que se manteñen agrupados en glomérulos.

Etimoloxía

Liquidambar provén do latín liquie, que destila, e do árabe ambar, en alusión ao fragrante arrecendo das súas follas e tronco. O epíteto específico ven to grego styrax, pola resina das follas, e phluo (fluír) facendo referencia á riqueza en substancias gomosas desta resina, especialmente nun hidrocarburo, o estireno.

Utilízase o nome xenérico liquidámbar para chamar comunmente a esta árbore. Coa sabia deste árbore fabrícase o bálsamo de ocozol ou estoraque, do que provén outro dos seus nomes comúns.

Usos

Emprégase como árbore ornamental polo seu bo arrecendo, rápido crecemento, polo seu bo estado fitosanitario, e porque en outono as follas adquiren unhas fermosas coloracións vermellas, violetas, amarelas e alaranxadas.

A súa madeira é moi apreciada en América, que se utiliza para revestimentos, mobles e molduras, así como para a obtención de papel. A abundancia, calidade e bo aroma desta resina pódese apreciar nos meses cálidos, nos que chega a gotear o zume da árbore. Con este ámbar líquido elabórase o chamado bálsamo do Perú, cicatrizante e balsámico, que nalgunha ocasión foi empregada na elaboración de gomas de mascar.

En 1839, a partir da goma dunha especie próxima, o Liquidambar orientalis, logrouse sintetizar o primeiro polímero artificial, o polistireno, que en 1931 comezou a ser producido a nivel industrial e hoxe é o cuarto plástico máis utilizado, presente nas caixas dos compact disc, embalaxes ou materiais coma o poliexpán.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)