Zona verde
Parque de Belvís
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Laurus nobilis L.
Nome común en galego
Loureiro ou louro
Nome común en castelán
Laurel o loro
Características
Medra sobre o muro de contención no desnivel da aba do parque, xunto ás escaleiras que conducen aos labirintos de camelias nun dos seus laterais preto da curtiduría das Trompas. Ten o tronco dividido en múltiples estacas que medran todas xuntas para formar unha copa compacta e redondeada.
Orixe e distribución
Foi cultivada dende a antigüidade, polo que é difícil coñecer a súa área orixinal. Crese que é propio da rexión mediterránea e considérase unha reliquia da Era Terciaria. Medra até os 800 metros de altura, cun crecemento rápido sobre calquera tipo de solo, mais con unha idade máxima duns 120 anos.
No sur da Península Ibérica vive en barrancos húmidos, mentres que no norte forma bosques, entre os que destaca o da Illa de Cortegada en Vilagarcía de Arousa. Aparece frecuentemente entre carballos, freixos ou pradairos. Forma a denominada laurisilva que cubría toda a península, na que un esquío podía cruzala de norte a sur sen tocar o chan.
Descrición
O loureiro pode alcanzar facilmente os 10 metros de altura, aínda que se coñecen algúns en Lugo que chegan até os 25 metros. Ten unha copa arbustiva, repleta de follas coriáceas de forma lanceolada, cunha cor verde máis escura pola face que polo envés. A cortiza é lisa e de cor gris verdoso, con pouco espesor e marcada con finas fendas.
Son árbores dioicas, xa que os exemplares poden ser masculinos ou femininos. Tanto uns como outros posúen flores amarelas que aparecen nas axilas das follas, agrupadas en acios, durante os meses de abril e maio. O froito é unha drupa carnosa parecida a unha oliva, de cor verde ó principio e que torna a negro ao ir madurando.
Etimoloxía
Laurus é o nome latino do xénero, que parece derivar do celta lawr (verde), en clara alusión á cor das súas follas. O epíteto latino nobilis, que significa célebre, notorio ou coñecido, emprégase nesta árbore debido á súa popularidade en usos tradicionais.
Usos
As follas de loureiro desprenden un aroma intenso e agradable, polo que foron utilizadas dende a antigüidade como condimento de guisos e na elaboración de escabeches. Este uso culinario débese sobre todo ao seu agradable aroma, mais o seu éxito na cociña tamén se relaciona coa súa capacidade de diminuír a flatulencia e os gases, xa que contén cineol e eugenol, aceites esenciais de efectos carminativos. Tamén se empregan para combater o reumatismo e incluso como antiséptico.
O mito grego conta como Apolo, tolo de amor, perseguía á ninfa Dafne, que fuxindo del chegou até os pés do seu pai Peneo. Este, para librala de Apolo, transformouna en árbore, o primeiro loureiro, que se denomina dafne en lingua grega. Apolo perdeu á ninfa para sempre, mais tomou o loureiro como símbolo representativo.
Dende a Grecia Clásica identificouse aos artistas e deportistas con Apolo, o deus da luz e da perfección, que nas cerimonias de vitoria eran premiados con ramas de loureiro. No Imperio Romano era símbolo do amor e do triunfo, polo que as coroas de loureiro celebraban as vitorias dos xenerais na guerra.
Existen moitísimas expresións populares relacionadas coa árbore. Así, a palabra laureado significa premiado, ao igual que cum laude, e o termo bacharelato procede da expresión latina bacca lauri, que significa froitos de loureiro, pois os estudantes que remataban os seus estudios coroábanse con estas pólas.