
Zona verde
Parque Eugenio Granell
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Prunus laurocerasus L.
Nome común en galego
Loureiro real, loureiro romano, falso loureiro ou loureira
Nome común en castelán
Laurel cerezo o azerero
Características
Varios exemplares de loureiro real medran no Parque Eugenio Granell. Este está disposto a carón do camiño no que máis de vinte magnolios forman unha aliñación. Nesta zona tamén podemos atopar varios exemplares de magnolias de Soulange e de hibiscos de Siria.
Orixe e distribución
Esta árbore é orixinaria das rexións forestais do sueste de Europa e Oriente Próximo, nunha zona comprendida entre Irán, Turquía, os Balcáns e o Cáucaso. Xeralmente aparece en bosques caducifolios, dende preto do nivel do mar até uns 500 metros de altitude.
Foi introducido en xardinaría en Constantinopla arredor do ano 1576 e a partir de entón foi obxecto dun cultivo intenso. Na Península está asilvestrada en Cataluña, a cornixa Cantábrica e a Extremadura portuguesa, onde crecía silvestre e cultivábase como curiosidade nos xardíns botánicos.
Estes exemplares portugueses foron mencionados xa polo botánico Gabriel Grisley nunha obra publicada en Lisboa en 1661 e polo botánico francés Tournrfort en 1969.
Descrición
Pode ter forma de arbusto ou de pequeno arboriño. Posúe follas perennes ovaladas, grandes, duras, de cor verde brillante polo feixe e con dentes nos bordos. No envés, xusto ao lado do nervio central, teñen entre 2 e 6 glándulas que segregan unha substancia que atrae as formigas. A presenza destes insectos afasta algúns parasitos, os herbívoros e as bolboretas, evitando así que poñan os seus ovos, dos que sairían eirugas que comerían a follaxe.
No extremo das ramas aparecen os seus acios erectos de flores brancas moi olorosas. Florecen de abril a maio, aínda que ás veces volven florecer en outono. Os froitos, de cor negra ao madurar, son drupas polo que teñen un aspecto parecido ao das olivas ou as cereixas.
Etimoloxía
Prunus é o antigo nome en latín da ameixeira. O nome específico laurocerasus fai referencia a ser considerado como unha cerdeira con follas de loureiro, de onde se deriva a denominación común.
Usos
A inxestión de calquera parte desta planta, principalmente as súas follas, pode ser moi perigosa debido á presenza de ácido cianhídrico, unha substancia extremadamente velenosa. A pesar diso, as follas secas serven para a fabricación do Aqua laurocerasi, que posúe numerosos usos medicinais, sobre todo en preparados para aliviar a tose. Tamén son empregadas en Asia para proporcionar un aroma de améndoas amargas ao leite.
A madeira é de cor rosada, dura e homoxénea, pouco utilizada polas pequenas dimensións dos exemplares, usouse en ebanistaría e para leña. É unha árbore moi utilizada como ornamental, existindo diversas formas de xardinaría, con follas de diferentes características segundo a variedade. É un dos principais arbustos empregados para os sebes e a topiaria, ao soportar moi ben un recorte anual.