mainimg
Código: VA019
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)

Barrio

Vista Alegre-San Xoán

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Aucuba japonica Thunb.

Nome común en galego

Loureiro xaponés ou loureiro pinto

Nome común en castelán

Aucuba o laurel manchado

Información

Características

Atópase no xardín traseiro da Casa Europa, na zona da galería xunto ao camiño de xabre que conduce cara a sede da SGAE. Ten porte globular e destaca polas manchas douradas das súas follas, mouteando o verde brillante da lámina foliar.

Orixe e distribución

É nativa dos bosques de vales e montañas do leste de Asia, dende o Himalaia até Xapón e Formosa, e foi traída a occidente en 1873 polo botánico alemán John Graefer ou Johann Andreas Graeffer (1746-1802) que non se decatou de que os exemplares que introduciu eran todos femias, co que non conseguiu multiplicalas polas bagas. Habería que esperar até 1840, cando se introduciron plantas masculinas coas que a especie comezou a proliferar e a difundirse por Europa tras conseguir producir os froitos.

Descrición

Arbusto perennifolio sempreverde, que pode chegar aos 5 metros de altura e ten unha aparencia similar aos loureiros (Laurus sp.). É dioico, con pés masculinos e femininos. Ten follas perennes, elípticas co bordo dentado, coriáceas e con características manchas amarelas. As flores son pequenas, unisexuais, purpúreas, que nas femias medran preto das follas e nos machos están levantadas fóra da planta en panículas verticais. Florecen na primavera, entre marzo e abril, mais ocasionalmente teñen unha segunda floración ao principio do outono.

Os froitos son drupas vermellas e carnosas que destacan entre a follaxe dos exemplares femininos, mais desenvolven poucas ou ningunha baga se non hai un macho preto. Estas bagas de rechamante cor vermello maduran de outubro a febreiro.

Etimoloxía

Son plantas de xardín moi populares en Europa e Estados Unidos, onde son coñecidas comunmente como Gold Dust Plant (planta de po dourado) polas manchas amarelas das súas follas. Aucuba provén do xaponés aoki , que significa árbore azul que fai referencia á forma salvaxe orixinal deste arbusto. Japonica alude á súa procedencia, Xapón.

Usos

Trátase dunha das plantas máis resistentes que existen. Adáptase ben a todos os chans e aguanta ben as xeadas, a seca, o aire mariño e a contaminación. Se recibe unha ou dúas horas de sol será menos sensible aos fungos, aínda que o loureiro xaponés se encontra relativamente libre de pragas e enfermidades polo que é moi doado de coidar.

Emprégase moito como ornamental, multiplicada en numerosas variedades, particularmente a de follas variegadas que constitúen o cultivar máis popular debido ás manchas amarelas das súas follas.

Os loureiros xaponeses son suavemente tóxicos, xa que conteñen aucubina, que sen embargo pode inhibir a hepatites B e as alerxias en animais.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)