
Zona verde
Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Magnolia x soulangeana Thiéb.-Bern.
Nome común en galego
Magnolia de Soulange ou magnolio chinés
Nome común en castelán
Magnolia tulipán
Perímetro normal
2,6 metros
Altura
18 metros
Diámetro de copa
10 metros
Características
Esta árbore está situada xunto á porta de Galeras, contra o muro da rúa das Salvadas, constituíndo a única magnolia de Soulange do Parque de Vista Alegre. Pasa bastante desapercibida durante case todo o ano, en comparación coas grandes coníferas que ten o lado e as plantas de flor que flanquean os bordos do camiño (roseiras, azaleas egriñoleras), mais destaca en aquelas semanas de primavera cando está en flor e mostra todo o seu esplendor ornamental.
Orixe e distribución
Ten unha orixe híbrida, obtida en 1820 nunha localidade preto de París por cruzamento entre a magnolia de Yunan (Magnolia denudata) e a magnolia azucena ou Mulan (Magnolia liliiflora), dúas especies procedentes da China.
Localízase sobre todo no leste de Estados Unidos, América Central, América do Sur e o sueste Asiático. É unha árbore que se desenrola en solos lixeiramente ácidos, xa que nos alcalinos pode contraer a enfermidade da clorose.
Descrición
Árbore caducifolia moi ramificada dende o chan e xeralmente de pequeno tamaño. A copa pode ser estendida ou redondeada, ofrecendo unha boa sombra. Ten follas simples, alternas, enteiras, ovadas ou obovadas, de cor verde clara.
As grandes flores das magnolias presentan unha organización moi sinxela, polo que se atopan sistematicamente entre as plantas con flores máis primitivas. Na magnolia de Soulange xorden antes de que saian as follas, rompendo o letargo invernal cunha floración intensa e copiosa a inicios da primavera, de maio a xullo, que soe durar entre 20 días e un mes. As flores son moi grandes, duns 20-30 centímetros de diámetro, solitarias nos extremos das pólas, de cor branca tinguidas de púrpura e de cheiro moi agradable.
Etimoloxía
O nome do xénero está dedicado a Pierre Magnol (séculos XVII-XVIII), botánico francés que dirixiu o xardín botánico de Montpellier e foi quen definiu o concepto actual de familia botánica. Soulangeana é o adxectivo dedicado a Etienne Soulange, xardineiro francés que obtivo o híbrido a principios do século XIX.
Chámaselle magnolia tulipán porque nas flores, tanto das magnolias como dos tulipáns, non se diferenza a corola do cáliz, polo que as partes que as integran chámanse tépalos (un nome intermedio entre os pétalos das corolas e os sépalos dos cálices). Os tépalos son todos iguais en forma e cor, e na actualidade atraen ás abellas e bolboretas para que as polinicen, mais cando xurdiu esta especie só podía ser polinizada por escaravellos xa que o xénero evolucionou antes da aparición das abellas.
Usos
É moi frecuente o seu cultivo ornamental en xardinería debido á súa espectacular floración. En Extremo Oriente cultívanse dende hai varios séculos.
Entre os seus numerosos cultivares podemos atopar a Alba, de flores brancas coa base rosada; Speciosa, que florece profusamente nunha cor rosa; Lennei que brinda flores rosa escuro por fóra e máis claro por dentro; Rustica Rubra ten flores rosa escuro con pinceladas brancas, ou a variedade Grace McDade produce as flores máis grandes, con 35 centímetros de diámetro.