mainimg
Código: FE012
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque da Finca do Espiño

Barrio

Galeras

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Magnolia grandiflora L.

Nome común en galego

Magnolio

Nome común en castelán

Magnolio

Información

Características

Medra na parte alta do noiro do xardín de entrada, formando un pequeno bosque de varios exemplares. Aparece xunto ao abeto do Norte (Picea abies) e destacan polo seu porte, de considerable altura.

Orixe e distribución

Os magnolios pertence a unha familia de plantas con flores moi primitivas, xa que atopáronse fósiles que demostran a súa existencia no Cretácico, fai uns 95 millóns de anos. Na Era Terciaria, hai 65 millóns de anos, esta especie era abundante en numerosas zonas de Europa e Grenlandia, das que terminou desaparecendo e quedou relegada a unha área que abrangue dende o sueste do norte de América até Brasil.

Foi introducida en Europa no século XVIII. Algúns autores din que se plantou por primeira vez en Inglaterra, traída polo bispo de Londres Henry Copton. Outros din que foi cultivada en 1711 preto de Nantes, traída polo almirante Roland-Michel Barrin de la Galissonière (1693-1756). Na Península Ibérica cítase xa no 1808 nos xardíns de Aranxuez.

Está moi estendida como árbore ornamental en parques e xardíns das rexións temperadas de todo o mundo, en áreas onde non estea exposta a largos períodos de seca. Precisa solos húmidos, profundos, drenados e pouco calcarios.

Descrición

Árbore con densa copa ancha e lixeiramente piramidal. Pode chegar aos 500 anos de idade e aos 20 metros de altura, cun tronco recto e cortiza lisa de cor gris escura, que se desprende en pequenas placas coa idade. Ten follas simples, alternas, enteiras e ovadas, con consistencia dura. Son de cor verde brillante pola face e marróns e peludas polo envés. Estas follas duran sobre a árbore aproximadamente dous anos, e cada inverno despréndese unha parte, polo que se considera unha planta semicaducifolia.

As grandes flores das magnolias presentan unha organización moi sinxela, polo que se atopan sistematicamente entre as plantas con flores máis primitivas do planeta. Nelas non se diferenza a corola do cáliz, polo que as partes que as integran chámanse tépalos (un nome intermedio entre os pétalos das corolas e os sépalos dos cálices). Na actualidade atraen a bolboretas e diversos insectos para que as polinicen, mais cando xurdiu esta especie só podía ser polinizada por escaravellos xa que o xénero evolucionou antes da aparición das abellas.

O froito ten aspecto de piña, madura no outono cando se abre irregularmente para dispersar as sementes, aplanadas e de cor vermella. Estas serven de alimento ás aves migratorias que viaxan ao sur para pasar o inverno.

Etimoloxía

En 1703, Charles Plumier (1646-1704) describiu unha árbore da Illa de Martinica, dándolle o nome xenérico de magnolia na honra de Pierre Magnol (1638-1715), botánico francés que dirixiu o xardín botánico de Montpellier, quen definiu o concepto actual de familia botánica no 1689, en base a unha combinación de características morfolóxicas. A árbore descrita por Plumier era unha Magnolia dodecapetala, e sería posteriormente Linneo quen lle puxo o nome de Magnolia grandiflora a esta árbore.

As flores do magnolio poden chegar a medir 30 centímetros de diámetro. De feito, o seu nome específico de grandiflora significa flores grandes. O apelativo común derívase do científico.

Usos

Cultívase como ornamental polas súas grandes flores aromáticas que destacan entre a follaxe sempre verde, creando un contraste parecido ao da beleza dos nenúfares abertos nun estanque. Soe aparecer exenta xa que precisa de amplos espazos para medrar, debido ao gran desenrolo que alcanza o seu sistema radicular, que se soe apreciar en superficie, crecendo baixo a copa da árbore. Este feito limita en certo modo a súa difusión nos xardíns.

A madeira do magnolio é de calidade media, dura e pesada, polo que se emprega en ebanistería no seu lugar de orixe. Utilízase tamén en cestería e na elaboración de mobiliario.

No século XVI era utilizada como medicinal, para fortalecer o corazón e aliviar malestares estomacais. Posteriormente empregouse como diurético, astrinxente, antiespasmódico e para curar a gota. En perfumería elabóranse fragrancias cos diferentes magnolios: a Magnolia liliflora cheira a framboesa, a Magnolia grandiflora ten reminiscencias de limón, a Magnolia stellata cheira a melón e a Magnolia kobus a ananás.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)