
Zona verde
Parque Forestal da Granxa do Xesto
Parroquia
Vista Alegre
Historia
A pesar dos cualificativos despectivos que recibe (maleza, monte inculto...) desde o punto de vista ambiental, as matogueiras son un dos hábitats de maior riqueza de fauna e flora. Xestas, codesos e piornos son o compoñente principal das matogueiras, que constitúen unha das primeiras etapas de substitución do bosque potencial.
Adoitan ser masas densas e compactas dominadas por unha das especies participantes, situadas rodeando aos bosques caducifolios e cultivos forestais. Son zonas altamente transformadas polo home, quen seleccionou terras fondas e drenadas para as súas actividades agropecuarias. Frecuentemente ocupan terreos secos e castigados polo efecto dos lumes forestais.
As xestas negras e as mansas forman as xesteiras, agrupacións moi comúns en Galicia ao igual que as toxeiras, tradicionalmente valoradas por constituír unha importante fonte para facer a cama para o gando e para mellorar a configuración do solo, volvéndoo mais fértil.
As matogueiras xogaron un papel fundamental na configuración da cuberta vexetal das áreas temperadas do continente europeo dende hai aproximadamente 30 millóns de anos. A súa configuración actual vincúlase, non obstante, coa dinámica climática acaecida ao longo dos últimos 2 millóns de anos, durante o Cuaternario, período no que se produce a súa diferenciación ecolóxica e bioxeográfica en resposta á dinámica climática global (matogueiras atlánticas, boreais e ártico-alpinas) e á combinación desta con diversos factores ambientais (altitude, proximidade ao mar, existencia de tipos particulares de substratos xeolóxicos...). No último ciclo climático do Cuaternario, as matogueiras e concretamente os queirogais, representaron a vexetación dominante en Galicia durante máis de 100.000 anos, mentres que o dominio territorial de bosques se restrinxiu a un intervalo temporal inferior a 5.500 anos.
A importancia no ámbito da conservación da biodiversidade dos queirogais e das matogueiras susténtase polo grande número de especies de flora e fauna que albergan os distintos tipos de formacións, entre as que se atopan unha ampla proporción de elementos considerados como endémicos, raros, sucesorios e en perigo. Un segundo factor que xustifica a súa protección, é a drástica redución que experimentou, nos últimos cincuenta anos na súa área de distribución en Europa como consecuencia do abandono dos sistemas de aproveitamento tradicional, nos que as matogueiras e os queirogais, constituían unha parte fundamental.
Descrición
Bordeando as lagoas máis elevadas do parque chégase á zona de matogueira, situada aos pes de piñeiros e carballos. Estas formacións que xeralmente pasan desapercibidas aos ollos do visitante, teñen unha grande diversidade biolóxica e notable importancia ecolóxica, mais en moitas ocasión son infravaloradas por asociarse con etapas de sucesión da vexetación alterada ou queimada.
Trátase dunha matogueira de tipo atlántico, que pode supoñer unha etapa serial da formación do solo, un estadio degradado do primitivo bosque que poboaba estes montes e que sufriu continuas transformacións como cortas, repoboacións e incendios. A pesar de formarse pola degradación do bosque atlántico, esta formación vexetal é moi importante no Parque Forestal da Granxa do Xesto xa que axuda a frear a invasión de acacias (Acacia melanoxylon).
Ademais, as toxeiras e breixeiras naturais proporcionan unha importante fonte de nitróxeno para o solo e teñen sido aproveitadas de xeito tradicional como alimento para o gando, combustible ou materia prima para diversas ferramentas. A pesar de ser un ecosistema pouco produtivo en termos económicos, é moi valioso como hábitat dunha gran diversidade de fauna, que encontra aquí alimento, acubillo e protección.
Nestas matogueiras distinguimos facilmente o toxo (Ulex europaeus), varias especies de breixos (Erica spp., Daboecia cantabrica e Calluna vulgaris), os piornos e as xestas (Cytisus scoparius e Genista florida), roseiras silvestres (Rosa sp.), fentos (Pteridium aquilinum, Polypodium vulgare e Polystichum setiferum) e no medio destas, na primavera florecen as abrótegas (Asphodelus albus).
A presenza das matogueiras no parque aportan unha nota de gran cromatismo. Máis de 40.000 metros cadrados de superficie tapizados de amarelos e malvas son o sinal da chegada da primavera na Granxa do Xesto.
Xunto a estas especies aparece unha zona de vexetación baixa na que se recoñecen exemplares illados de árbores e arbustos, como piñeiros bravos (Pinus sylvestris) ou érbedos (Arbutus unedo), mentres se bordea a lagoa principal da Granxa do Xesto. Un solitario exemplar de abeto de Douglas (Pseudotsuga menziesii) amósanos as notables diferenzas existentes entre as especies de árbores de folla ancha propias de Galicia, e as coníferas características de zonas máis ao norte.