
Zona verde
Campus Universitario Sur
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Melaleuca armillaris (Sol. ex Gaertn.)
Perímetro normal
1,20 metros
Altura
3 metros
Diámetro de copa
6 metros
Idade estimada
70 anos
Características
Exemplar de grande orixinalidade polo seu porte vigoroso e recurvado, coas súas flores agrupadas a modo de vasoira, similar ás da vasoira de botella (Callistemon speciosus). Está situada no xardín traseiro do IDEGA (Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia). Medra moi inclinada, polo que precisa duns soportes auxiliares a modo de muletas para non caer sobre o camiño de acceso.
Orixe e distribución
Planta orixinaria do sueste de Australia, nas zonas de Nova Gales do Sur, Vitoria e Tasmania. Foi descrita por Daniel Carl Solander, un botánico sueco discípulo de Linneo, en 1797.
Na década de 1970, durante a era Whitlam, os australianos comezaron a ser moi conscientes da súa identidade nacional, e neste espertar incluíuse a divulgación da flora australiana, posiblemente a máis diversa e interesante do planeta. As malaleucas convertéronse nas principais representantes desta flora, polo que estaban presentes en todos os xardíns e paisaxes de Australia.
Descrición
Arbusto ou pequena árbore perennifolia que pode chegar aos 5 metros de altura. Cortiza de cor gris, agretada, que se pela en tiras. Follas lineares e estreitas, en disposición alterna e duns 2 centímetros de longo. Están algo curvadas, posúen unha cor verde intensa e son moi aromáticas.
Nos meses cálidos do verán aparecen nas pólas do ano anterior densas inflorescencias cilíndricas, a modo de espigas, que poden chegar a reunir até 70 flores de cor branco. Estas darán lugar a pequenos froitos, en forma de cápsula redonda, que aparecen agrupados, igual que as flores, e que gardan no seu interior as diminutas sementes.
Etimoloxía
O nome xenérico deriva dos termos gregos melas (negro) e leukos (branco), debido a que o tronco e as ramificacións de certa idade presentan a cortiza de cor escura, mentres que as pólas novas a teñen branca. O epíteto específico armillaris procede do latín armilla, brazalete, en alusión ás infrutescencias rodeando as pólas.
Usos
Cultívase como especie ornamental en parques e xardíns, en exemplares exentos ou agrupados para formar pantallas vexetais grazas ao seu rápido crecemento e á súa rusticidade. Precisan de poucos coidados, soamente requiren luz directa, xa que non lles gusta estar á sombra.
As pólas son empregadas nas florerías como verde de corte para complemento nos ramos. Forma un hábitat adecuado para os paxaros, xa que as malaleucas son produtoras prolíficas de néctar que atrae ás aves melifágidas así como a moitos insectos, dos que se alimentan as aves insectívoras.