mainimg
Código: BE022
-
Espazos Singulares
Localización

Zona verde

Parque de Belvís

Barrio

Belvís-Trisca

Parroquia

San Fructuoso

Información

Historia

O Parque de Belvís sempre foi un foro de participación cidadá, xa que nas súas praderías desenvólvense multitude de actividades como feiras, mercados, observacións astronómicas, campañas deportivas e culturais.

O mercado ecolóxico comezou o 21 de xuño de 2008 como unha actividade puntual, cunha festa de benvida ao verán na que tiñan lugar xogos populares, diversas actuacións musicais e contacontos, e degustacións de comida e promoción de produtos ecolóxicos, de artesanía e de comercio xusto.

O uso comercial do espazo do parque está autorizados de acordo co establecido no Plan Especial do Parque Público de Belvís (PU-5) de 2004. Comprende o uso terciario destinado a subministrar mercancías ó público mediante venda polo miúdo, venda de comidas e bebidas para consumo local ou prestación de servizos persoais.

En 2010 ten lugar a construción da terraza graduada con sete grandes chanzos para albergar os 33 postos de mercado. A adxudicación das autorización de ocupación destes postos cédense a título demanial en precario e por un período máximo de dous anos. Unha vez rematadas as obras, o 22 de xuño de 2010 tivo lugar o primeiro mercado Entre Lusco e Fusco.

Este mercado foi apoiado pola Cooperativa de Consumo Responsable Eirado, os colectivos de produtores Hortiña da Ponte e Lentura e a Asociación Andaime de enxeñería social e ambiental, xunto coa Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Descrición

Todos os martes pola tarde celébrase no Parque de Belvís o Mercado Entre Lusco e Fusco. Un lugar onde poderemos atopar produtos locais, ecolóxicos e de comercio xusto, seguindo a tradición dos mercados populares. A idea xeradora deste mercado nace da necesidade de ofrecer unha alternativa real deste tipo de produtos aos consumidores interesados, e fóra de horario habitual de apertura do mercado tradicional.

Os mercados tradicionais promoven a relación de confianza entre os produtores e os consumidores, ofertan produtos de proximidade que madurecen sen adobíos e sen transporte intermedio e contribúen a fixar xente no campo, nun traballo que mantén a tripla función que ten desempeñado tradicionalmente: a produción, a conservación da natureza e da súa biodiversidade, e a socialización.

No Mercado Entre Lusco e Fusco poderemos atopar diferentes postos, a maioría de alimentación, aínda que tamén se poden encontrar plantas ou artigos de artesanía. Son produtos sans, ecolóxicos e con servizo directo, sen intermediarios que encarezan os prezos. Intégranse tamén no mercado diversas actividades de divulgación do consumo responsable, como obradoiros ou charlas, e mesmo se realizan mercados de troco e outras iniciativas semellantes que axudan a dinamizar e concienciar á cidadanía da necesidade de actividades e condutas sostibles.

Estes mercados dos martes teñen un horario de verán, de 19:00 a 22:00 horas, e outro de inverno entre as 18:00 e as 21:00 horas para adaptarse ás horas de luz. Desenrólanse cunha serie de actividades complementarias, para facer do mercado unha auténtica festa, coa presenza de contacontos, grupos de baile e música, obradoiros e charlas.

Compleméntase coa realización de feiras especiais de verán, Nadal, San Xoán, magosto ou entroido, con produtos e actividades específicos.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)