
Zona verde
Parque Forestal da Granxa do Xesto
Parroquia
Vista Alegre
Historia
Un merendeiro é un espazo ao aire libre onde poder sentar a comer, xantar ou merendar (de aí o seu nome). Adóitanse atopar en lugares amenos e recollidos, como por exemplo nas áreas de descanso das autovías ou en metade do campo, asociados a miradoiros, praderías, rutas turísticas ou de sendeirismo. Tamén é tradicional a súa presenza nas proximidades de lugares relixiosos obxecto de peregrinación ou romarías. Por seren un lugar de reunión e recreo, a miúdo vai unido á celebración de verbenas, bailes, festas...
Os merendeiros e zonas de xantar dos parques e zonas verdes adoitan estar equipados con mobiliario urbano complementario, como fontes, bebedeiros, fornos, grellas e papeleiras para os desperdicios e lixo. Tamén pode haber lugares de este tipo específicos para a infancia, como os merendeiros infantís.
Os elementos que compoñen un merendeiro buscan unha maior robustez e resistencia, coa finalidade de soportar os rigores da intemperie, polo que soen realizarse con madeira tratada, formigón ou pedra. Na maioría dos casos, o merendeiro non está protexido cunha cobertura, presentándose ao aire libre e sometido ás inclemencias do tempo, mais si que se soe procurar na súa colocación os lugares de sombra proporcionada por todo tipo de árbores plantadas para conseguir dita sombra.
Descrición
Dende a rotonda da entrada, un camiño sube até as minas de auga da parte superior do parque. A medio camiño, á altura da gran lagoa circular, onde se pode practicar a pesca sen morte, atópase unha pequena chaira onde está instalado unha área de lecer.
As zonas verdes urbanas teñen diversas e importantes funcións, e todas elas están representadas na Granxa do Xesto. Ademais de brindar un espazo verde tranquilo, un parque urbano pode servir como un foco veciñal con xogos para nenos, mesas para comidas ao aire libre, campos de deportes e outras instalacións recreativas que logran atraer a adultos e pequenos. Neste caso observamos varias mesas e bancadas de pedra onde poder gozar dunha comida ao aire libre ou dun momento de descanso durante a nosa visita ao parque.
Estas mesas están rodeadas de bidueiros (Betula alba), carballos (Quercus robur), pradairos (Acer pseudoplatanus) e algunha que outra abeleira (Corylus avellana), que proporcionan unha agradable sombra nos días de verán, mentres que a súa condición de árbores caducifolias fai que, coa perda da folla no inverno, filtren os raios de sol e caldeen o espazo nos meses máis fríos do ano. A proximidade á lagoa principal do parque aumenta o valor escénico desta área de lecer.