mainimg
Código: BO030
-
Espazos Singulares
Localización

Zona verde

Parque de San Domingos de Bonaval

Barrio

Concheiros-Almáciga-Espírito Santo

Parroquia

San Fructuoso

Información

Descrición

As árbores mortas ofrecen distintos recursos aos seres vivos dependendo do seu grado de podremia, do estado de fragmentación e da posición na que se atopen (erguidos ou caídos), polo que, a pesar de xa non ter vida propia, as árbores mortas seguen a ser un importante recurso para moitos seres vivos. Para garantir a dispoñibilidade de madeira adecuada para o seu desenvolvemento, instálanse áreas nas que se lles facilita alimento a base de madeira seca en distintos puntos das zonas verdes de Santiago de Compostela.

No caso do Parque de San Domingos de Bonaval, aproveitouse a tala dun tileiro de folla miúda (Tillia cordata) que foi necesario realizar debido aos seus problemas de saúde. Este tileiro estaba situado na porta aberta no muro de separación entre a carballeira e os Campos Novos, e no canto de retirar o madeiro para empregalo na compostaxe, deixouse nas proximidades do seu emprazamento orixinal para o establecemento deste microhábitat.

Os seres vivos que podemos atopar asociados a esta árbore morta son os seguintes:

- Musgos, liques e fungos: medran sobre o madeiro alimentándose del, xa que a madeira en descomposición sérvelles como substrato de crecemento, e preparan a árbore para que poda ser utilizada polos insectos xilófagos.

En Europa calcúlase que hai unhas 1500 especies de fungos lignívoros, dependentes das árbores mortas (moitos deles ameazados debido á explotación forestal dos bosques). Un exemplo moi coñecido destes fungos que se alimentan dos nutrintes que atopan na madeira é a lingua de boi (Fistulina hepatica).

- Insectos invertebrados: son a maior poboación de seres vivos sobre a terra: están descritas máis dun millón de especies diferentes e calcúlase que por cada ser humano existen 200 millóns de insectos. De todos estes, só unha pequena parte son xilófagos (que se alimentan de madeira) e destes, só uns poucos o fan de madeira seca.

Neste madeiro, ao longo do seu proceso de descomposición, poderemos atopar diferentes insectos como coleópteros, couzas ou térmites. Os grandes coleópteros xilófagos europeos están a sufrir unha progresiva diminución na súa distribución e cantidade debido á desaparición dos bosques. A familia dos lucánidos conta en Galicia con cinco especies cada vez máis escasas, entre as que se atopa a famosa vacaloura (Lucanus cervus).

Durante o desenvolvemento larvario estas especies aliméntanse das distintas partes da árbore morta durante un período de até cinco anos. Son necesarias as medidas de conservación dos hábitats destes coleópteros de interese comunitario, polo que algúns dos espazos naturais onde subsisten forman parte da Rede Natura 2000.

- Aves insectívoras: aliméntanse dos invertebrados que viven sobre ou dentro da súa madeira en descomposición, como o peto (Dendrocopos major). Ademais, utilizan as cavidades e os espazos baixo a codia como lugares onde aniñar ou durmir, as gretas como lugares onde almacenar sementes para o inverno e as ramas como pousadoiros e soporte para os niños.

- Anfibios e réptiles: atopan nestas árbores refuxio onde protexerse dos depredadores e das condicións ambientais extremas. Algunhas especies tamén os utilizan á hora de buscar alimento, dada a abundancia de invertebrados que albergan, como no caso das lagartas (Podarcis sp.).

- Mamíferos: Utilizan as cavidades, gretas e os espazos baixo a codia ou os ocos nos madeiros como lugares onde construír niños, durmir, almacenar comida, protexerse das condicións ambientais extremas e hibernar. Un destes mamíferos é o esquío (Sciurus vulgaris).

Outros acoden ás árbores mortas para alimentarse dos invertebrados, as aves ou de outros pequenos mamíferos que viven asociados á madeira en descomposición. Os morcegos forestais, ao igual que as aves insectívoras, contribúen a controlar as pragas de insectos da nosa cidade e aliméntanse dos invertebrados que poden atopar no noso municipio.

- Lumbrícidos: as lombrigas de terra ou miñocas (Lumbricus terrestris) contribúen de forma importante á disgregación final da madeira en descomposición, facilitando así a incorporación de nutrientes ao chan.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)