mainimg
Código: GX018
-
Auga
Localización

Zona verde

Parque Forestal da Granxa do Xesto

Parroquia

Vista Alegre

Información

Tipoloxía

Manancial de auga

Historia

Cando non existían redes de abastecemento de auga, a vida discorría arredor dos ríos e mananciais, que condicionaban a posibilidade de establecer asentamentos. No caso da contorna do Sarela, os barrios tiñan a auga asegurada grazas ao río e á abundancia das precipitacións na contorna, que provoca a presenza de abundante auga subterránea.

Os medios húmidos e subterráneos dos que forman estas minas de auga son esenciais para a formación do hábitat de diversas especies animais e vexetais, entre elas a salamántiga, un anfibio ameazado que só cría neste tipo de hábitats. Tamén destaca o uso que os morcegos fan destes espazos, polo que as minas de auga da Granxa do Xesto teñen uns peches de forxa para protexer aos morcegos que viven na cova da mina. A luz dos cadrados da reixa permiten o paso destes animais, mais non de persoas ou de depredadores que poidan prexudicalos.

Os fentos son plantas de orixe moi antiga, que viven dende hai 300 millóns de anos. Pertencen á orde das pteridófitas porque carecen de flores e sementes. Desenvólvense en lugares moi húmidos debido a que a súa fecundación só é posible na auga. A súa reprodución realízase a través de esporas. En épocas de seca a fronde (parte aérea), seca mentres o rizoma (talo subterráneo) mantense vivo se no solo hai humidade. Miden dende poucos centímetros até 25 metros de altura, no caso dos arborescentes, que posúen un tronco leñoso sen pólas. A maioría das follas brotan dun pequeno talo.

Na Granxa do Xesto podemos observar os fentos nas proximidades dos cursos de auga, marxes dos lagos e á sombra dos castiñeiros. Podemos atopar as seguintes especies: Blechnum spicant, Polystichum setiferum ou Polypodium vulgare. Augas arriba, nas zonas máis solleiras, podemos apreciar tamén o fento real (Osmunda regalis).

Descrición

A auga é a compoñente fundamental na Granxa do Xesto, xa que está presente en toda a extensión do Parque Forestal da Granxa do Xesto, especialmente neste punto, xa que aquí onde está situada os mananciais dos que nace a auga que alimenta ás lagoas do parque. O aproveitamento e explotación destes mananciais faise mediante minas de auga, presentes na parte superior do espazo verde.

Outras minas interesantes atópanse tamén tamén no Monte de Viso, en Vite ou no Pico Sacro (Boqueixón). Estas foron feitas para buscar algún mineral ou para a procura de auga de cara ao abastecemento humano.

Unha mina de auga consiste nunha escavación na rocha na que aflora a auga para o seu mellor aproveitamento. Supoñen o acondicionamento do punto de afloramento das correntes subterráneas de auga, e ademais de sanear a zona para evitar contaminacións do recurso, serven para facilitar a canalización cara unha fonte ou condución. No caso da Granxa do Xesto, a auga destas minas vai directamente cara a primeira das catro lagoas existentes, para ir facendo un circuíto cara os lagos escavados na a parte inferior deste fermoso ámbito natural.

A gran abundancia de auga subterránea presente no parque fai necesaria a súa xestión e canalización. Para evitar a forte erosión producida pola escorrenta, condúcese a través de diversos percorridos descendentes cara a fonte situada na parte baixa da zona verde, no Souto da Granxa do Xesto, para despois continuar o seu percorrido a través dun pequeno regato que verte as súas augas ao río Sarela.

Na tempada de choivas as lagoas recollen as augas das escorrentas superficiais que, dadas as condicións de fortes pendentes e o substrato pétreo das ladeiras do Monte Pedroso, convértense nun auténtico manto de auga. Ademais, a auga acumulada na aba do monte tamén é utilizada dende antigo na traída de augas que abastece á fontes e ao abastecemento da poboación da cidade.

O conxunto dos sistemas de minas de auga, lagoas, regatos e canalización da auga ten unha capacidade de circulación que supera os 4.000 metros cúbicos.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)