mainimg
Código: SN007
-
Auga
Localización

Zona verde

Parque Forestal da Selva Negra

Parroquia

Vista Alegre

Información

Tipoloxía

Manancial de auga

Historia

Unha mina de auga consiste nunha escavación na rocha na que aflora a auga para o seu mellor aproveitamento. Supoñen o acondicionamento do punto de afloramento das correntes subterráneas de auga, e ademais de sanear a zona para evitar contaminacións do recurso, poden servir para facilitar a canalización cara unha fonte ou condución.

Na tempada de chuvias, as escorrentas superficiais convértense nun auténtico manto de auga, dadas as condicións de fortes pendentes e substrato pétreo das ladeiras do Monte Pedroso. Esta abundancia de auga, tanto superficial como subterránea, fai necesaria a súa xestión e canalización. Para evitar a forte erosión producida pola escorrenta, condúcese a través de diversos percorridos descendentes cara ás lagoas e fontes situadas na parte baixa da Granxa do Xesto e da Selva Negra, para despois continuar o seu percorrido a través de canalizacións e regatos que verten as súas augas no río Sarela.

Os medios húmidos que forman estas minas de auga son esenciais para a formación do hábitat de diversas especies animais e vexetais, entre elas a salamántiga (Salamandra salamandra), un anfibio ameazado que só cría neste tipo de hábitats, ademais de insectos coma o gaiteiro aliazul (Calopteryx virgo) ou algunhas avelaíñas nocturnas de fermosas cores.

Destaca a utilidade das minas para albergar morcegos, que buscan nelas a tranquilidade necesaria que atopan en poucos lugares onde poder facer o seu refuxio. Estes animais son moi beneficiosos para o home, polo que as minas non se deben frecuentar para non molestalos, ademais dos perigos de derrubamentos que poden ter algunhas delas.

Descrición

A auga é a compoñente fundamental na Selva Negra, e está presente en toda a extensión do Monte Pedroso. A explotación deste recurso faise mediante as minas de auga, presentes tanto na Selva Negra como na Granxa do Xesto. O líquido obtido nestas escavacións utilizábase para a rega, uso que posteriormente se complementaría co da traída de augas que abastece a fontes e domicilios da cidade.

O abastecemento tradicional da auga, instaurado en Compostela na época medieval para surtir ás fontes e aos conventos da cidade histórica, modernizouse en 1922 coa introdución das conducións de ferro na traída e á expansión do servizo co engadido dos novos mananciais do Chan de Curros, as Brañas de Brins e as minas de auga do Monte Pedroso.

Un grande furado ocupa a parte norte do Parque Forestal da Selva Negra. Corresponde a unha mina construída para extraer a auga do subsolo. Está formada por unha zona húmida artificial á beira do camiño que atravesa o parque, e que consiste nuns muros de pedra que fan un dique onde se embalsa a auga e que contan cunha instalación de drenaxe subterráneo e superficial construídos no 2011.

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)