mainimg
Código: FE027
-
Miradoiros
Localización

Zona verde

Parque da Finca do Espiño

Barrio

Galeras

Parroquia

San Fructuoso

Información

Historia

Aprovéitase a situación da Finca do Espiño extramuros da cidade medieval, no sector oeste de Compostela, a escasos metros do río Sarela. Esta zona da cidade, pola súa situación fóra do recinto murado mais moi preto do mesmo, caracterízase por ser un área dedicada a actividades de carácter agrícola, para abastecer de produtos hortícolas aos habitantes da cidade.

Esta condición rururbana do barrio mantívose nos anos da explosión demográfica da cidade, que retivo o seu carácter rural de edificacións unifamiliares no limitado desenrolo urbano que sufriu. A baixa densidade edificatoria deste sector da cidade ven determinada polas características fisiográficas, que xa a toponimia pon de manifesto coa denominación de Braña da Galeira ás rúas situadas nas beiras do río Sarela, na zona que hoxe coñecemos como Galeras.

As condicións de ámbito rural dentro das proximidades á cidade facilitaron a concentración de actividades tradicionais, tanto agrícolas como industriais, de carácter maioritariamente artesanais. Estas tarefas requirían unha infraestrutura particular, determinada polo volume da materia prima e as características de produción, polo que durante os séculos XVIII e XIX asentáronse muíños, fraguas, serradoiros, e fábricas de curtidos. A idoneidade da zona para asentar industrias que xeran refugallos negativos (residuos, cheiros...) mantense até o século XX.

A zona experimenta un pequeno desenrolo urbanístico a partir do século XIX coa execución do camiño de Santa Comba, que cruzaba a Braña da Galeira cara o antigo Cuartel de Santa Isabel, caracterizado por un paseo arborado nas marxes da estrada que desapareceu no século XX ao ampliarse a rúa de Galeras e instalarse o Hospital Xeral.

Esta condición marxinal dentro do crecemento urbanístico, de industrias e casas rurais, favoreceu a conservación dos espazos verdes e das vistas cara a cidade, sen elementos construtivos que bloqueen a visión cara a cidade histórica, o Parque da Alameda, a Igrexa do Carme de Abaixo ou o Campus Universitario, cuxa construción comezou na década de 1930 a partir dos xardíns da Residencia de Estudantes.

Descrición

A parte baixa da zona coñecida como a área de pradaría e froiteiras da Finca do Espiño goza dunhas espectaculares vistas cara o casco histórico da cidade, destacando a visión que permite da praza do Obradoiro.

Esta característica condiciona a organización do espazo nesta zona do parque, que atende á amplitude visual. Esta apertura óptica cara a contorna está permitida pola vexetación arbórea de especies froiteiras, de menor porte e frondosidade que na carballeira, onde está bloqueada a visibilidade pola follaxe e a ramallada. Ademais, procúrase a calidade escénica, favorecendo secuencias de escenarios apoiados nas características das masas arboradas, da súa transparencia, a iluminación e a diversidade de especies.

O mobiliario urbano colocado no miradoiro busca a sostibilidade, adaptado ás necesidades dos usuarios, conservando o valor ambiental existente e incluíndo materiais reciclados na súa composición. Estes espazos dotados de mobiliario urbano sitúanse en espazos sen arborado para crear zonas de descanso e relaxación, situadas en puntos estratéxicos polas vistas sobre o entorno circundante.

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)