mainimg
Código: GX022
-
Miradoiros
Localización

Zona verde

Parque Forestal da Granxa do Xesto

Parroquia

Vista Alegre

Información

Historia

As espléndidas vistas sobre o casco histórico da cidade fan que o Monte Pedroso sexa o miradoiro por excelencia para observar a cidade e os montes que a rodean, sobre todo ao ocaso xa que a súa situación a poñente fan que se reflicten sobre o perfil urbano os últimos raios de sol do día.

O sector oeste de Compostela, moi vinculado ao río Sarela que o percorre, é unha zona caracterizada pola súa situación fóra do recinto murado mais moi preto do mesmo, e constitúe un lugar dedicado a actividades de carácter agrícola, xa que serviu para abastecer de produtos hortícolas aos habitantes da cidade. Ademais, tamén aglutina moitas actividades artesanais e industriais, entre as que destaca a tarefa do curtido de coiros, coas máis de dúas ducias de fábricas de curtidos que se situaban nas beiras do Sarela durante os séculos XVIII e XIX.

Esta condición rururbana da zona mantívose nos anos da explosión demográfica da cidade, cando retivo o seu carácter rural de edificacións unifamiliares no limitado desenrolo urbano que sufriu. A baixa densidade edificatoria deste sector da cidade ven determinada polas características fisiográficas, xa que a toponimia non facilitaba o desenrolo urbanístico coas Brañas do Sar ou o desnivel do Monte Pedroso.

Esta condición marxinal dentro do crecemento urbanístico, de industrias e vivendas rurais, favoreceu a conservación dos espazos verdes e das vistas cara a cidade. Isto fai que o miradoiro da Granxa do Xesto convertérase dende hai tempo nun punto alternativo dende onde situarse para contemplar os fogos de artificio lanzados con motivo das Festas do Apóstolo, xunto con outros lugares como San Clemente, o Paseo dos Leóns na Alameda, o Parque de Monte Pío ou o Monte de Deus en Vite.

Descrición

Sobre as dúas lagoas máis elevadas do Parque Forestal da Granxa do Xesto, e preto dos aparatos para exercicios biosaudables, poderemos gozar dunhas fermosas vistas do propio parque e a súa contorna natural e urbana.

Compleméntanse coas vistas da área paisaxística de Santiago de Compostela, entre as que destacan o eixo panorámico formado pola Catedral, a Cidade da Cultura no Monte Gaiás e o Pico Sacro (Boqueixón) ao fondo, co seu perfil característico.

En canto á paisaxe natural, podemos observar os altos como o de Fontecova, a Curruxeira ou o Viso, coas ladeiras cubertas dun manto forestal a base de coníferas e eucaliptos, o que testemuña o uso industrial da madeira destes montes.

A Área de Santiago é unha zona de contacto de dúas zonas faunísticas e florísticas: a eurosiberiana e a mediterránea. Esta mestura dálle unha gran riqueza á zona e ofrece interesantes valores naturais. Outro factor que inflúe na flora e na fauna é a acción do home sobre a paisaxe, caracterizada pola profusión de terras de cultivos, unha intensa deforestación e un alto impacto das repoboacións forestais con especies alóctonas, que fixo retroceder ás fragas e bosques naturais a pequenas manchas nas beiras dos ríos e noutras zonas limitadas.

A composición litolóxica é fundamentalmente a base de rochas cristalinas tipo granitos, que provocan solos de alta permeabilidade fortemente lavados e cun carácter acedo. Tamén se atopan na área rochas básicas, tipo anfibolitas, con características edafolóxicas de seu.

O relevo constitúe un chanzo intermedio entre os macizos montañosos da Galicia Oriental, que forman a dorsal galega, onde nacen os ríos Tambre e Ulla, e os bloques costeiros dos que está separado pola foxa Padrón-Tui, no denominado Escalón de Santiago. Dende este miradoiro aprécianse ben as veigas do Sar e do Sarela, os dous ríos que flanquean a cidade.

A presenza destes vales fluviais fai que sexan frecuentes as neboeiras producidas pola inversión térmica nas noites despexadas e de ventos frouxos, o que crea unha paisaxe de mar de nubes dende os montes da que paga a pena gozar.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)