mainimg
Código: SN011
-
Miradoiros
Localización

Zona verde

Parque Forestal da Selva Negra

Parroquia

Vista Alegre

Información

Historia

Chámaselle arbusto a unha planta leñosa de certo porte cando, a diferenza do que é propio dunha árbore, non se ergue sobre un só tronco ou fuste, senón que se ramifica dende a mesma base. Os arbustos poden ter varios metros de altura. Ao bioma ou ecosistema con predominio de arbustos denomínaselle matogueira. Son sinónimos de matogueira: coucheira, fraguiza, matagueira, mato e vedramio.

A matogueira caracterízase por posuír unha vexetación dominada por arbustos, e que a miúdo inclúen plantas de porte herbáceo, e plantas xerófitas. A matogueira tamén pode xurdir como consecuencia da actividade humana. Soen ser masas densas e compactas, situadas rodeando aos bosques caducifolios e aos cultivos forestais. Pode ser a vexetación madura nunha rexión particular e seguir dun modo estable durante un período de tempo, ou unha comunidade transitoria que se desenvolva temporalmente como resultado dun disturbio, tal como o lume.

A pesar dos cualificativos despectivos que recibe, como o de maleza ou monte inculto, dende o punto de vista ambiental, as matogueiras son un dos hábitats de maior riqueza de fauna e flora. Constitúen unha das primeiras etapas de substitución do bosque potencial. Son zonas altamente transformadas polo home, quen seleccionou terras fondas e drenadas para as súas actividades agropecuarias. Por poñer un exemplo, as queirogas (Erica sp.) son quen de medrar en lugares de solos pobres grazas a que establecen nas súas raíces relacións de simbiose (micorrizas) con diversos fungos.

Xestas, codesos e piornos son o compoñente principal das matogueiras, dominadas por algunha destas especies participantes. As xestas negras e as mansas forman as xesteiras, matas moi comúns en Galicia ao igual que as toxeiras, tradicionalmente valoradas por constituír unha importante fonte de onde facer a cama para o gando e mellorar a configuración do solo, facéndoo mais fértil.

Frecuentemente ocupan terreos secos e castigados polo efecto dos incendios. A matogueira pode ser un lugar non axeitado para a habitación humana, debido ao perigo destas catástrofes relacionadas co lume.

Descrición

Dende este punto e grazas ao relevo da Selva Negra, podemos observar a organización tradicional do sistema agrario:

- O fondo do val, de solos fondos e húmidos, cun aproveitamento como prados.

- As abas, de maior pendente e máis difíciles de traballar, con dedicación á produción forestal.

- Nas partes altas e nas abas, onde existen afloramentos rochosos e os solos son máis pobres, emprázanse manchas de matogueiras que se empregaban como cama para o gando. Complementando estas actividades agrarias, podemos atopar tamén marcas do aproveitamento humano da paisaxe nas zonas rochosas que afloran nesta parte da Selva Negra. Nas partes altas do parque aparecen diversos afloramentos de granito de dúas micas con sinais da actividade dos canteiros, xa que estas rochas foron as fontes de material para a construción de muros, casas...

Alén dos aspectos produtivos, os prados e as pequenas matogueiras da Selva Negra enriquecen a paisaxe e incrementan a diversidade, ademais de aportar unha grande beleza coas cores do mato, xa que durante a primavera, as matogueiras tórnanse amarelas polas flores de toxo e xesta, máis tamén abunda o rosa dos carrascos ou queirogas.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)