
Zona verde
Praza da Constitución
Parroquia
San Fructuoso
Historia
Os miradoiros son lugares situados en puntos elevados dende o que se ve un amplo panorama, tanto da paisaxe vexetal, como da paisaxe construída.
Moitos dos nosos miradoiros permítennos gozar da contemplación da paisaxe vexetal que nos rodea. Unha paisaxe vexetal é o conxunto de formacións vexetais que, segundo a área climática na que nos atopemos, pode variar. Santiago de Compostela, ao atoparse dentro do clima oceánico, correspóndelle a rexión floral eurosiberiana. Esta caracterízase polas formacións vexetais de bosque caducifolio, landa e prado. Neste grupo atópanse as carballeiras e as matogueiras de toxo, breixo ou xesta, fermosas formacións vexetais que poderemos contemplar dende moitos miradoiros. A vexetación riparia ou ripícola aparece no bosque de galería ou de ribeira, que medra vinculada á beira dun río ou algunha entidade hidrolóxica equivalente. As plantas están condicionadas pola elevada humidade do solo, polo que son caducifolias e hidrófilas, e medran vigorosamente formando unha especie de túnel ao longo da canle, polo que se identifica claramente na paisaxe ao formar un corredor cinguido ao curso do río, e que é distinto ao resto da vexetación.
A paisaxe urbana, horizonte artificial ou skyline, debuxa unha silueta moi particular da cidade por medio da visón das súas estruturas. Estas paisaxes urbanas son moi apreciadas nos miradoiros, tanto o panorama diúrno que se pode contemplar entre o amencer e o solpor; como o nocturno, cando vemos a iluminación dos edificios contrastando coa escura noite. Ás veces algúns edificios destacan dentro do skyline debido ao seu tamaño, altura ou significación. Ou mesmo cando este edificio está afastado doutras obras de arquitectura, un miradoiro permítenos contemplalo dende a distancia para poder descubrir mellor algúns dos seus detalles.
Descrición
Ao sur da Praza da Constitución, nunha superficie duns 640 metros cadrados aproximadamente, está situado un miradoiro con excelente vista cara ao Monte Viso e o Monte Gaiás, onde se ergue a Cidade da Cultura con toda a súa singularidade. Este miradoiro débese ao desnivel existente entre o nivel do chan da avenida de Lugo e da Praza da Constitución.
O aceso ao miradoiro é posible mediante os paseos da praza. Foi construído tras as obras de construción do aparcadoiro soterrado, aberto ao público en 1993, e reformado nas obras que tiveron lugar en 2019. Nesta reforma, o espazo sufriu unha lixeira modificación que permitiu o seu uso como skatepraza, dotado de mobiliario axeitado para esta práctica, mais sen renunciar a formar parte dun itinerario accesible a todos os usuarios do parque.
Nesta zona da Praza da Constitución destaca a pérgola, que ao igual que a situada na zona máis próxima á rúa Ramón Piñeiro, está formada por elementos metálicos combinados con vigas de madeira. A estrutura conta con xardineiras nas que se desenvolven plantas rubideiras, que medran cara a parte superior onde se atopa unha cuberta formada por redondos e pranchas metálicas para o desenvolvemento destas plantas.
Tamén están presentes nesta zona exemplares impoñentes de flora, como por exemplo palmeiras canarias, castiñeiros das Indias ou lamigueiros, que crean una fermosa contorna en combinación cos bancos colocados estratexicamente para a contemplación das vistas proporcionada polo desnivel.