
Zona verde
Parque das Cancelas
Parroquia
San Fructuoso
Historia
Os miradoiros son lugares situados en puntos elevados dende o que se ve un amplo panorama, tanto da paisaxe vexetal, como da paisaxe construída.
Moitos dos nosos miradoiros permítennos gozar da contemplación da paisaxe vexetal que nos rodea. Unha paisaxe vexetal é o conxunto de formacións vexetais que, segundo a área climática na que nos atopemos, pode variar. Santiago de Compostela, ao atoparse dentro do clima oceánico, correspóndelle a rexión floral eurosiberiana. Esta caracterízase polas formacións vexetais de bosque caducifolio, landa e prado. Neste grupo atópanse as carballeiras e as matogueiras de toxo, breixo ou xesta, fermosas formacións vexetais que poderemos contemplar dende moitos miradoiros. A vexetación riparia ou ripícola aparece no bosque de galería ou de ribeira, que medra vinculada á beira dun río ou algunha entidade hidrolóxica equivalente. As plantas están condicionadas pola elevada humidade do solo, polo que son caducifolias e hidrófilas, e medran vigorosamente formando unha especie de túnel ao longo da canle, polo que se identifica claramente na paisaxe ao formar un corredor cinguido ao curso do río, e que é distinto ao resto da vexetación.
A paisaxe urbana, horizonte artificial ou skyline, debuxa unha silueta moi particular da cidade por medio da visón das súas estruturas. Estas paisaxes urbanas son moi apreciadas nos miradoiros, tanto o panorama diúrno que se pode contemplar entre o amencer e o solpor; como o nocturno, cando vemos a iluminación dos edificios contrastando coa escura noite. Ás veces algúns edificios destacan dentro do skyline debido ao seu tamaño, altura ou significación. Ou mesmo cando este edificio está afastado doutras obras de arquitectura, un miradoiro permítenos contemplalo dende a distancia para poder descubrir mellor algúns dos seus detalles.
Descrición
Este lugar foi inaugurado no Día Mundial da Árbore de 2011, tras a plantación conmemorativa de 200 árbores de especies autóctonas na ladeira do parque das Cancelas. O miradoiro aproveita un lugar preexistente, levantado mediante muros de pedra en forma de atalaia triangular, dende a que se contempla unha interesante vista da cidade de Santiago de Compostela e a súa contorna. Accédese a este punto dende a rúa das Cancelas ou ben mediante unhas escaleiras que conectan esta estrutura co resto do parque. O espazo onde se conta cunha pequena fonte da que sae unha canle que atravesa o espazo até chegar a un depósito soterrado. A carón desta canle aparecen sebes e arbustos de flor, que complementan ás árbores existentes.
Nas vistas dende este punto destacan o barrio das Fontiñas, a Estación de Autobuses e o Pazo de San Caetano, onde están situados os edificios administrativos da Xunta de Galicia. En canto ás paraxes naturais urbanas, salienta a presenza do Monte da Almáciga, imbuído dentro da trama urbana da cidade. Ao fondo podemos contemplar a Cidade da Cultura sobre o Monte Gaiás, os montes Pedroso e Fontecova, así como localidades máis afastadas da contorna de Compostela.