mainimg
Código: SN012
-
Miradoiros
Localización

Zona verde

Parque Forestal da Selva Negra

Parroquia

Vista Alegre

Información

Historia

O monte galego é paisaxe, patrimonio natural e cultura, o que foi tido en conta nas intervencións realizadas no Monte Pedroso. A xestión sostible do monte aposta pola defensa da súa multifuncionalidade, xa que a experiencia demostra que só un monte produtivo pode ser sustentable dende o punto de vista ambiental e social.

Galicia é unha potencia forestal, tanto no ámbito estatal coma europeo. A primeira transformación da madeira en Galicia representa o 3% do Produto Interior Bruto (PIB) da Comunidade Autónoma, o que nos sitúa ao nivel de países de tanto peso e tradición forestal como Finlandia (3,7% do PIB) ou Nova Zelandia (3,1% do PIB). Ademais, Galicia está a aproveitar ao ano entre 6 e 8 millóns de metros cúbicos de madeira, en torno á metade do conxunto do estado, que se sitúa nos 14 millóns.

En termos de renda, a actividade forestal subministra preto de 200 millóns de euros ao ano a máis de 600.000 propietarios particulares e case 3.000 comunidades de montes, sendo os montes veciñais en man común unha verdadeira realidade identitaria de Galicia, abranguendo en conxunto máis de 650.000 hectáreas de territorio.

Cara o futuro, as iniciativas oficiais en materia forestal deberán procurar dignificar o noso monte, e con el, ao rural e aos seus habitantes. Preténdese dar a coñecer a riqueza natural deste espazo para mellorar as implicacións sociais na súa preservación, con especial incidencia na alerta para evitar os incendios forestais.

Descrición

En ocasións, ao mergullarnos nunha frondosa carballeira, non estamos a ver gran parte da biodiversidade dese ecosistema. Moitas das especies presentes nestes bosques viven a varios metros sobre o solo, medrando penduradas das árbores ou voando entre a maraña de pólas. Por isto, ás veces é necesario afastarse da fraga para pódela ver no seu conxunto.

Este miradoiro, elevado sobre os terreos ocupados pola Carballeira da Fonte da Selva Negra, permítenos estudar moitos aspectos relacionados co monte galego: as siluetas dos paxaros no horizonte, os morcegos e as aves visibles na noite, ou a forma característica das diferentes especies de árbores.

As aves posúen características particulares, como a súa cola, as súas ás ou a súa forma de voar. Estes trazos permítennos recoñecelas a distancia, incluso en condicións de mala visibilidade. Algunhas destas especies que poderemos atopar voando sobre a carballeira son: andoriña (Hirundo rustica), garza cincenta (Ardea cinerea), chasco (Saxicola dacotiae), gaio (Garrulus glandarius), miñato (Buteo buteo), falcón peregrino (Falco peregrinus), pega (Pica pica), peto verdeal (Picus viridis), pombo torcaz (Columba palumbus), bubela (Upupa epops) ou corvo viaraz (Corvus corone).

En canto a aqueles animais voadores visibles na noite, tanto a curuxa (Tyto alba) coma o morcego común (Pipistrellus pipistrellus), pasan o día agochados no seu fogar, formado en buratos das árbores e fendas dos muros, e soamente se poden albiscar durante a noite, cando saen á procura de alimentos.

As formas das árbores, o porte, a súa altura ou distribución das pólas, o brillo ou a cor das follas, permítennos recoñecer dende lonxe a que especie pertence. Esta práctica é moito máis sinxela durante o inverno, cando as árbores caducas perden as súas follas. Na Selva Negra medran moitas especies de árbores diferentes: salgueiro (Salix atrocinerea), carballo (Quercus robur), bidueiro (Betula alba), abeleira (Corylus avellana), sobreira (Quercus suber) ou piñeiro manso (Pinus pinea).

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)