mainimg
Código: MI007
-
Miradoiros
Localización

Zona verde

Bosque de Galicia

Barrio

Sar

Parroquia

San Fructuoso

Información

Historia

Os miradoiros son lugares situados en puntos elevados dende o que se ve un amplo panorama, tanto da paisaxe vexetal, como da paisaxe construída.

Moitos dos nosos miradoiros permítennos gozar da contemplación da paisaxe vexetal que nos rodea. Unha paisaxe vexetal é o conxunto de formacións vexetais que, segundo a área climática na que nos atopemos, pode variar. Santiago de Compostela, ao atoparse dentro do clima oceánico, correspóndelle a rexión floral eurosiberiana. Esta caracterízase polas formacións vexetais de bosque caducifolio, landa e prado. Neste grupo atópanse as carballeiras e as matogueiras de toxo, breixo ou xesta, fermosas formacións vexetais que poderemos contemplar dende moitos miradoiros. A vexetación riparia ou ripícola aparece no bosque de galería ou de ribeira, que medra vinculada á beira dun río ou algunha entidade hidrolóxica equivalente. As plantas están condicionadas pola elevada humidade do solo, polo que son caducifolias e hidrófilas, e medran vigorosamente formando unha especie de túnel ao longo da canle, polo que se identifica claramente na paisaxe ao formar un corredor cinguido ao curso do río, e que é distinto ao resto da vexetación.

A paisaxe urbana, horizonte artificial ou skyline, debuxa unha silueta moi particular da cidade por medio da visón das súas estruturas. Estas paisaxes urbanas son moi apreciadas nos miradoiros, tanto o panorama diúrno que se pode contemplar entre o amencer e o solpor; como o nocturno, cando vemos a iluminación dos edificios contrastando coa escura noite. Ás veces algúns edificios destacan dentro do skyline debido ao seu tamaño, altura ou significación. Ou mesmo cando este edificio está afastado doutras obras de arquitectura, un miradoiro permítenos contemplalo dende a distancia para poder descubrir mellor algúns dos seus detalles.

Descrición

O Bosque de Galicia, inaugurado no ano 2016, conta cun fermoso miradoiro no alto onde descubrir unha das vistas máis descoñecidas de Santiago. Nel, un banco orientado cara ao oeste ofrece unha panorámica privilexiada para contemplar o solpor de Compostela.

O miradoiro está rodeado das especies autóctonas (carballos, castiñeiros, salgueiros, bidueiros, ameneiros, espiños, capudres e loureiros), que foron plantadas para mellorar a biodiversidade desta zona e ampliar o corredor verde situado na contorna do río Sar. Esta é a estampa en primeiro plano que podemos contemplar dende este punto. Nunha perspectiva pouco coñecida da cidade contemplamos as instalacións do Multiusos Fontes de Sar e a avenida de Lugo, tras a que se levanta a cidade. Non é difícil localizar algúns edificios emblemáticos como o Seminario Menor da Asunción, ou os cumios que se levantan entre as edificacións como o Monte da Almáciga ou As Cancelas. Tras a cidade aparece a súa contorna, con puntos máis afastados como os montes Pedroso e Fontecova, así como localidades máis afastadas como Milladoiro, Os Tilos ou Trazo.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)