
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Cronoloxía
1909/1950
Historia
A Exposición Rexional Galega de 1909 trouxo con ela unha serie de intervencións urbanísticas na contorna da Alameda e dos vellos agros de Mendo e campos de Baltar (hoxe a explanada da residencia ou dos colexios maiores). Foi un acontecemento sinalado na historia da cidade e de Galicia por canto quixo ser (e foi) unha exaltación do progreso e a modernidade que daquela vivía o país.
Para acollela preparouse a zona inferior ás escaleiras e alí colocáronse os distintos pavillóns, con arquitecturas -como vemos nas fotografías- de certa monumentalidade, malia o seu carácter efémero.
Descrición
Esta escalinata monumental coa súa fonte marcan a transición entre a Alameda e carballeira de Santa Susana e o campus universitario. É obra de Antonio Flórez Urdapilleta con motivo da Exposición Rexional Galega.
A escalinata orixinal foi modificada posteriormente para pasar a desaparecer a plataforma panorámica entre os distintos niveis; ten hoxe un certo aire barroco cos dous tiros de escaleira que se entrecruzan e o xogo de balaustradas. Engadíuselle tamén o miradoiro superior e os remates en pináculos.
Un fornelo monumental acolle unha fonte con dous bancos acaroados, ben semellante a que está no santuario da Nosa Señora da Escravitude (Padrón).