Zona verde
Parque do Monte da Almáciga
Parroquia
San Fructuoso
Historia
Dende o outeiro do Monte da Almáciga gózase dunha atalaia privilexiada sobre a cidade, grazas á súa proximidade coa cidade histórica. Esta particular situación da Almáciga, extramuros da cidade medieval, no sector nordeste de Compostela, condicionou o seu devir histórico.
Esta zona da cidade, pola súa situación fóra do recinto murado, mais moi preto do mesmo, caracterizouse tradicionalmente por ser un área dedicada a actividades de carácter agrícola, para abastecer de produtos hortícolas aos habitantes da cidade.
Esta condición rururbana do barrio modificouse nos anos da explosión demográfica da cidade, cando comezou a ser urbanizado, aínda que retivo en certo modo o seu carácter rural, coa combinación das novas construcións coas edificacións unifamiliares que continuaban cos traballos agrícolas nos terreos da Almáciga.
Estas limitacións na densidade edificatoria deste sector da cidade ven determinada polas características fisiográficas, cunha topografía en marcada pendente limitaron o desenrolo urbanístico. Esta condición marxinal dentro do crecemento urbanístico favoreceu a conservación dos espazos verdes e das vistas cara a cidade, sen elementos construtivos que bloqueen a visión do Miradoiro do Corredor Verde.
Descrición
O corredor verde urbano, que serve como entre os parques do Monte da Almáciga e o de San Domingos de Bonaval, conta con un privilexiado miradoiro sobre a contorna da cidade de Santiago de Compostela cara o sur da cidade: o val do Sar, a Cidade da Cultura situada no Monte Gaiás, o Monte do Viso e o Monte de Santas Mariñas.
A potencialidade deste espazo de conexión dos parques é considerable dende o punto de vista medioambiental, que se ve complementada coa función de miradoiro, que se potencia coa colocación de tres bancos de madeira inseridos nun poio de cemento a carón do camiño que une a rúa da Costiña do Monte coa rúa Proxecto Vagalume, pola parte traseira do CEIP Santiago Apóstolo.
Este recuncho é unha zona poboada de árbores de nova plantación, que se combinan coas camelias de porte arbustivo existentes na rúa Proxecto Vagalume e cos cultivos hortícolas existentes nas leiras próximas. De este modo confórmase, dentro do ámbito dos itinerarios peonís que rodean o Monte da Almáciga, un lugar que invita a sentarse a descansar, gozando das vistas que este punto ofrece ao espectador.
Un punto de referencia dentro das vistas dende este miradoiro é a Cidade da Cultura no Monte Gaiás, rodeado polo Bosque de Galicia e o Parque do Lago na ladeira do Monte do Viso. Continuando coa liña panorámica da contorna podemos atopar o val formado polo río Sar e as súas brañas. Tras os conventos de Santa Clara e o de San Domingos de Bonaval, érguese o Monte de Santas Mariñas e Picaños.