mainimg
Código: AM031
-
Miradoiros
Localización

Zona verde

Parque do Monte da Almáciga

Barrio

Concheiros-Almáciga-Espírito Santo

Parroquia

San Fructuoso

Información

Historia

Dende o outeiro do Monte da Almáciga gózase dunha atalaia privilexiada sobre a cidade, grazas á súa proximidade coa cidade histórica. Esta particular situación da Almáciga, extramuros da cidade medieval, no sector nordeste de Compostela, condicionou o seu devir histórico.

Esta zona da cidade, pola súa situación fóra do recinto murado, mais moi preto do mesmo, caracterizouse tradicionalmente por ser un área dedicada a actividades de carácter agrícola, para abastecer de produtos hortícolas aos habitantes da cidade.

Esta condición rururbana do barrio modificouse nos anos da explosión demográfica da cidade, cando comezou a ser urbanizado, aínda que retivo en certo modo o seu carácter rural, coa combinación das novas construcións coas edificacións unifamiliares que continuaban cos traballos agrícolas nos terreos da Almáciga.

Estas limitacións na densidade edificatoria deste sector da cidade ven determinada polas características fisiográficas, cunha topografía en marcada pendente limitaron o desenrolo urbanístico. Esta condición marxinal dentro do crecemento urbanístico favoreceu a conservación dos espazos verdes e das vistas cara a cidade, sen elementos construtivos que bloqueen a visión do Miradoiro do Monte da Almáciga.

Descrición

O Parque do Monte da Almáciga conta cun privilexiado miradoiro sobre a cidade de Santiago de Compostela. Nesta zona verde hai diversos itinerarios peonís que levan até o cumio, onde atopamos unha plataforma plantada de árbores na que podemos gozar de moi boas vistas sobre parte da cidade histórica e da contorna natural, cos montes que rodean o núcleo urbano.

Tras as hortas urbanas municipais e a primeira fila de casas, podemos contemplar algunhas partes da Cidade Histórica, destacando a vista das torres da Catedral e, ao seu carón, o Mosteiro de San Martiño Pinario co seu precioso ciborio. Tamén poderemos atopar outros edificios destacados, como a Residencia do Monte da Condesa ou o Hospital Clínico Universitario.

En canto á paisaxe vexetal, entre a Catedral e San Martiño Pinario, atopamos a vexetación do Parque da Alameda, coa masa de carballos e o Eucalipto dos Namorados. A continuación atópase o Campus Universitario, entre cuxo follaxe sobresae a torre do Hospital de Nosa Señora da Esperanza, un fermoso edificio da década de 1950 deseñado por Jenaro de la Fuente.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)