
Zona verde
Parque do Monte de Deus
Parroquia
Vista Alegre
Historia
Os miradoiros son lugares situados en puntos elevados dende o que se ve un amplo panorama, tanto da paisaxe vexetal, como da paisaxe construída.
Moitos dos nosos miradoiros permítennos gozar da contemplación da paisaxe vexetal que nos rodea. Unha paisaxe vexetal é o conxunto de formacións vexetais que, segundo a área climática na que nos atopemos, pode variar. Santiago de Compostela, ao atoparse dentro do clima oceánico, correspóndelle a rexión floral eurosiberiana. Esta caracterízase polas formacións vexetais de bosque caducifolio, landa e prado. Neste grupo atópanse as carballeiras e as matogueiras de toxo, breixo ou xesta, fermosas formacións vexetais que poderemos contemplar dende moitos miradoiros. A vexetación riparia ou ripícola aparece no bosque de galería ou de ribeira, que medra vinculada á beira dun río ou algunha entidade hidrolóxica equivalente. As plantas están condicionadas pola elevada humidade do solo, polo que son caducifolias e hidrófilas, e medran vigorosamente formando unha especie de túnel ao longo da canle, polo que se identifica claramente na paisaxe ao formar un corredor cinguido ao curso do río, e que é distinto ao resto da vexetación.
A paisaxe urbana, horizonte artificial ou skyline, debuxa unha silueta moi particular da cidade por medio da visón das súas estruturas. Estas paisaxes urbanas son moi apreciadas nos miradoiros, tanto o panorama diúrno que se pode contemplar entre o amencer e o solpor; como o nocturno, cando vemos a iluminación dos edificios contrastando coa escura noite. Ás veces algúns edificios destacan dentro do skyline debido ao seu tamaño, altura ou significación. Ou mesmo cando este edificio está afastado doutras obras de arquitectura, un miradoiro permítenos contemplalo dende a distancia para poder descubrir mellor algúns dos seus detalles.
Descrición
Na subida ao Monte de Vite emprázase o Miradoiro do Monte de Deus, un espazo dende onde é posible contemplar unha perspectiva completa e diferente de Compostela. Conta cunha pequena zona de aparcadoiro para quen desexe subir en automóbil dende a avenida de Castelao, tomando a rúa Ulpiano Villanueva, Vite de Arriba e a rúa dos Cabalos.
Hai un panel rectangular que axuda ao visitante a localizar os principais puntos naturais e arquitectónicos presentes na paisaxe, xa que representa unha imaxe similar á que pode ser contemplada dende o miradoiro, na que unha lenda identifica os lugares máis emblemáticos da contorna. O primeiro que vemos é o propio barrio de Vite, o Parque da Música en Compostela e a avenida de Xoán XXIII antecedendo ao Casco Histórico. Tras estes, vemos localidades máis afastadas como Milladoiro, Os Tilos ou A Estrada.
Dende este punto podemos continuar o ascenso ao Parque do Monte de Deus, onde na cima do Monte de Vite se atopa outra atalaia dende onde contemplar a cidade e a contorna de Compostela.