mainimg
Código: MI008
-
Miradoiros
Localización

Zona verde

Parque do Monte do Gozo

Parroquia

Aríns

Información

Historia

Os miradoiros son lugares situados en puntos elevados dende o que se ve un amplo panorama, tanto da paisaxe vexetal, como da paisaxe construída.

Moitos dos nosos miradoiros permítennos gozar da contemplación da paisaxe vexetal que nos rodea. Unha paisaxe vexetal é o conxunto de formacións vexetais que, segundo a área climática na que nos atopemos, pode variar. Santiago de Compostela, ao atoparse dentro do clima oceánico, correspóndelle a rexión floral eurosiberiana. Esta caracterízase polas formacións vexetais de bosque caducifolio, landa e prado. Neste grupo atópanse as carballeiras e as matogueiras de toxo, breixo ou xesta, fermosas formacións vexetais que poderemos contemplar dende moitos miradoiros. A vexetación riparia ou ripícola aparece no bosque de galería ou de ribeira, que medra vinculada á beira dun río ou algunha entidade hidrolóxica equivalente. As plantas están condicionadas pola elevada humidade do solo, polo que son caducifolias e hidrófilas, e medran vigorosamente formando unha especie de túnel ao longo da canle, polo que se identifica claramente na paisaxe ao formar un corredor cinguido ao curso do río, e que é distinto ao resto da vexetación.

A paisaxe urbana, horizonte artificial ou skyline, debuxa unha silueta moi particular da cidade por medio da visón das súas estruturas. Estas paisaxes urbanas son moi apreciadas nos miradoiros, tanto o panorama diúrno que se pode contemplar entre o amencer e o solpor; como o nocturno, cando vemos a iluminación dos edificios contrastando coa escura noite. Ás veces algúns edificios destacan dentro do skyline debido ao seu tamaño, altura ou significación. Ou mesmo cando este edificio está afastado doutras obras de arquitectura, un miradoiro permítenos contemplalo dende a distancia para poder descubrir mellor algúns dos seus detalles.

Descrición

O Monte do Gozo é unha elevación natural do terreo situada nas parroquias de Aríns e Bando. Neste punto está situado un miradoiro de gran importancia xa que por aquí pasa o Camiño Francés, a vía cara Santiago máis empregada polos peregrinos; e non só iso, senón que ademais é o primeiro punto dende o que os peregrinos poden ver por fin a tan ansiada Catedral, polo que é un dos momentos culminantes da experiencia peregrina.

O miradoiro está ambientado co Monumento ao Peregrino, consistente nas estatuas en bronce de dous peregrinos que ven por primeira vez as torres da Catedral, ao igual que o fan milleiros de persoas ao ano. Foron colocadas para conmemorar o Ano Santo de 1993, sendo realizadas polo escultor galego José María Vázquez Acuña.

Quen se asoma a contemplar as vistas dende este miradoiro, pode ver o percorrido que os peregrinos aínda teñen que facer até chegar ao seu destino, atravesando barrios como os de San Marcos, San Lázaro ou Fontiñas. Tamén hai unha fermosa panorámica da contorna natural da cidade e dos concellos veciños.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)