
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Historia
O paseo dos Leóns é a zona máis antiga do paseo da Ferradura e como todo o itinerario naceu a partir dun proxecto deseñado en 1835 que tardaría en concretarse. Nesta parte as obras recibiron un pulo importante na década de 1850, cando por mor da crise económica e social, a cidade promoveu este proxecto como xeito de empregar as moitas persoas que quedaron sen traballo ou que emigraran á cidade no malfadado ano da fame (1853).
Daquela esta contorna recibiu o nome de paseo da Boa Vista, que sería substituído polo actual en 1883 cando foi instalada aquí a entrada monumental -cos seus leóns- que daba paso ao paseo Central. En 1918 adquirirá a súa configuración actual ao ordenarse e realiñarse a caída do outeiro cara ao Pombal e a estrada de Santa Comba.
Descrición
O paseo dos Leóns é un itinerario cargado de sentido escénico. A Cidade Vella desprégase ante o paseante con mil e unha perspectivas diferentes que mudan segundo o día, a luz e mesmo o lugar onde cada quen se coloca. Por iso pode dicirse que hai tantos miradoiros como puntos de vista.
De entre todos os lugares, esta zona ao carón do grande eucalipto é sen dúbida o máis popular pola beleza da vista e pola serenidade do lugar, que invita a un deleite tranquilo da vista acompañada polo son da auga e o rumor do vento entre as plantas.
Este miradoiro está incluído no Catálogo das Paisaxes de Galicia.