
Zona verde
Parque de San Domingos de Bonaval
Parroquia
San Fructuoso
Historia
No miradoiro podemos fixarnos especialmente nas poderosas chemineas de pedra, son compoñentes vitais da composición de edificios e cidades históricas. Ademais, Santiago de Compostela conta co maior conxunto de chemineas monumentais de toda Galicia. A fisonomía da cidade sería completamente distinta sen eses grandes cubos pétreos que asoman por riba dos tellados do centro histórico.
Aínda que moitas delas teñen perdido a súa función inicial, e incluso a súa estrutura funcional interna, sería unha mágoa que desaparecesen do horizonte de Santiago: non só son esteticamente agradables, senón que serven como recordos tanxibles dos modos de vida do pasado, cando as lareiras e as cociñas económicas ou bilbaínas eran as protagonistas das cociñas das casas.
Grandes ou pequenas, abertas ou cubertas, con un ou con varios aliviadoiros, sinxelas ou dobres, pois hainas que estaban situadas na medianeira dos edificios para atender a dúas vivendas contiguas... todas responderon fielmente á necesidade inicial coa que foron construídas.
A súa tipoloxía e características construtivas estaban determinadas pola necesaria adecuación ao clima chuvioso, e ás veces ventoso, que caracteriza á cidade de Santiago. Para iso contiñan no seu interior un sofisticado sistema de laxas disposto a modo de zigzag, de forma que a choiva entraba mais discorría controladamente até desaugar por uns aliviadoiros estratexicamente colocados, evitando que se apagase o lume.
As proporcións da cheminea dependían da riqueza de cada casa e viñan dadas fundamentalmente:
- Pola amplitude da campá do seu lar, xa que a maior amplitude da lareira, maior necesidade extractiva.
- Pola situación da cociña dentro da casa, pois unha cheminea situada no cumio da edificación non necesitaba tanta altura para cumprir ben as súas funcións.
Pero as chemineas compostelás non só se adecuaban ao clima, senón que na súa edificación e deseño tamén se tiña en conta a topografía, xa que as chemineas de vivendas situadas nas vagantas necesitaban alzarse máis alto para atender ben o seu cometido: conseguir a altura que lles permitise alcanzar a correcta circulación de aire responsable da aspiración do fume cara ao exterior.
As proporcións de cada cheminea, e as de cada casa a ela indisolublemente unida, condicionaban os materiais e técnicas a empregar: bloques de granito, concertados ou carenados, para as dos pazos, que eran de máis porte e a miúdo mesmo ornamentais ou ciclópeas, mentres que as vivendas máis pequenas ou as chemineas secundarias eran de cachotería máis pobre e lixeira.
Algunhas chemineas son magníficos exemplos do estilo barroco característico de Santiago, como as da Casa da Parra e Casa da Conga. Dende este miradoiro dos Campos Novos podemos visualizar algúns exemplos destas chemineas, entre as que destacan por exemplo as do convento de Santa Clara.
Descrición
Dende a zona dos Campos Novos pódense contemplar unhas fermosas vistas a cidade histórica de Santiago de Compostela e a súa contorna.
Destacan nestas vistas as torres da Catedral, a torre de San Agostiño, o convento de Santa Clara, os tellados do casco vello coas súas grandes chemineas de pedra e os montes que circundan Santiago en dirección Leste.
Podemos ver a luz do amencer incidindo sobre os tellados, co sol detrás das nosas costas, e á tardiña o solpor por detrás do Pedroso, escurecendo gradualmente á cidade de pedra.