
Parroquia
San Fructuoso-San Lázaro
Tipoloxía
Parque transicional
Historia
O Viso proporciónanos unha impagable viaxe no tempo: no tempo dos romanos e nos dos Suevos. Unha viaxe ao Santiago antes de Santiago.
O actual monte arrastra directo o seu topónimo, o seu nome, desde o latín: a forma visum procede do verbo videre (ver, divisar, examinar ou revisar).
Por outra banda, en recentes traballos arqueolóxicos apareceron varias terrazas (coñecidas aquí tamén como roleiros, e en xeral en Galicia como bancais ou socalcos). Atopáronse tanto no Gaiás coma no Viso, estruturas de aterrazamento, destinadas á contención do terreo mediante recheos e muros erguidos para salvar as pendentes e facelos aptos para o cultivo. O máis abraiante destas descubertas é a súa datación: remóntanse até o século V! Polo tanto ao tempo dos Suevos. E seguiron empregándose até épocas modernas. Entón, O Viso e O Gaiás lévannos ás orixes mesmas do sistema agrario galego e da paisaxe rural tradicional, 1.500 anos atrás. Ao tempo, tamén se comprobou que, entre os cultivos, estaba a vide e o trigo. A existencia destes roleiros permite deducir tamén que no Viso habería xa un asentamento humano nese século V. Pensemos que aínda quedaban catro séculos para a fundación da cidade de Santiago.
Existen minas abandonadas, restos dos proxectos mineiros de comezos do século XX, financiadas polos banqueiros Olimpio Pérez e Riestra que non se materializaron. Abandonouse, sen resultados, vinte anos despois. Buscaban explotar anfibolita, un tipo de rocha metamórfica, son as rochas más antigas atopadas, cunha idade aproximada de 4.200 millóns de anos. No Viso tamén se atopou calcopirita, que é a principal mena de cobre, e contén tamén ferro.
O Curtidoiro do Viso, de mediados do século XIX, e que aínda hoxe se mantén en pé, mesmo co rótulo do nome e a cheminea, é un símbolo moi importante de Compostela, que foi a capital do estado na produción de coiros.
Un lugar como o Monte do Viso, activo desde o tempo dos romanos e dos suevos, tiña que acoller esa nova febre que invadiu Europa desde que, no século IX, apareceran uns restos que se atribuíron ao Apóstolo Santiago. Así, pola ladeira do monte entrarían tamén os peregrinos do Camiño Francés, cunha variante da entrada principal por San Lázaro. A tradición oral aínda lembraba, a mediados do pasado século, a peregrinos pasando polo Viso e baixando polo Gaiás cara ao sepulcro. O lugar de Lobios, no Viso, remítenos precisamente a esta tradición. Na súa etimoloxía lobio pode proceder do fracés allée, camiño. Outros estudos falan de que podería proceder de fluvium, río. E así emparenta con Solovio ou Solobio, ipsum fluvium, ese río.
Quen estaba fascinado co Viso era o patriarca das Letras Galegas, don Ramón Otero Pedrayo. O escritor ourensán que amaba Compostela, a cidade na que afirmou ter pasado os mellores anos da súa vida, tiña ao Viso como un referente. Na súa célebre guía literaria da cidade que publicou en 1966 baixo o título O Espello Na Serán, o subtítulo da guía era: Entre O Pedroso e O Viso.
Actuacións
O obradoiro de emprego dual CREAS I, promovido polo Concello de Santiago en colaboración co de Ames, comezou no 2019 a reforestación nunha parcela municipal no Monte do Viso. Plantáronse 40 pés de érbedos (Arbutus unedo), 40 de capudres (Sorbus acuparia), 330 de carballos (Quercus robur e Quercus rubra) e 420 piñeiros (Pinus radiata, Pinus pinaster e Pinus sylvestris). O proxecto expón a recuperación da cuberta arbórea e aumento da diversidade vexetal mediante a repoboación do monte. Realízase para acelerar a evolución natural da vexetación e fomentar a biodiversidade, a través da recuperación da cuberta arbórea. Coa repoboación tamén se pretende reducir a tensión hídrica. En definitiva, a iniciativa intégrase no concepto ecolóxico de restauración da vexetación.
En 2020, o obradoiro de emprego CREAS II acondicionou uns 50.000 m2 da zona para usos recreativos, nunha contorna comunal apto para a práctica de deportes ao aire libre e de observación da natureza. Así mesmo, procurouse a rexeneración da vexetación autóctona mediante a implantación de especies propias e a recuperación da cuberta arbórea co obxectivo de repoboar o monte e dotalo de diversidade vexetal. Os traballos tamén permitiron mellorar a conectividade da senda peonil que percorre o Monte do Viso e rematarán co acondicionamento dunha superficie para estacionar vehículos e dunha zona de lecer, previa á subida ao monte. Este espazo, recuperado para a veciñanza e os visitantes, sitúase ao leste da cidade, a carón da AP-9 e fronte á Cidade da Cultura. Coa intervención acondicionáronse 4.700 metros de sendas peonís, plantáronse 450 frondosas e 12.000 m2 de pradarías, construíronse 300 metros de muro e procedeuse ao rozado de 18 hectáreas de matogueira, así como ao apeo de 350 eucaliptos e á retirada de 100 metros cúbicos de entullos.
Descrición
O Monte do Viso sempre estivo aí, mais foi tamén o gran ignorado das últimas xeracións. Conserva sen alteracións o seu perfil, a súa silueta, ese debuxo de pequeno boi durmido ao leste da cidade, ese espazo que se alza detrás do Gaiás e que pouca xente coñece. Porque até agora non era doado dar coa subida.
As novas sendas unen o monte á cidade: desde O Gaiás, desde San Lázaro ou desde a aldea do Viso... ascéndese a través de camiños que nos levarán a descubrir bosques de carballos na aba oeste do monte, desfrutar do monte baixo que abre grandes panorámicas...
As cores do Viso son toda unha policromía: o verde dos pastos en primavera, o amarelo cando o toxo está en flor no verán e no outono, os morados das uces ou breixos no outono e no inverno e as tonalidades ámbar e pardas dos carballos no outono. Ás veces sae da pel do Viso unha cor amarela brillante que provén da calcopirita, pedra que contén cobre e ferro.
Bibliografía
ALVARELLOS, H. Viso monte mítico. Argumentario cultural, histórico e natural sobre a posta en valor deste espazo. Concello de Santiago, 2020