Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Escultura
Cronoloxía
1995
Autor
Francisco Leiro
Historia
Francisco Leiro desbota neste encargo a tradicional feitura dun retrato do personaxe homenaxeado e aborda o tema desde un punto de vista conceptual. -Todos sabemos como era Castelao-, chegou a afirmar; por este motivo atende nesta obra aos seus valores e ao seu papel na historia e na configuración da Galicia contemporánea.
Descrición
Esta peza do senlleiro escultor Francisco Leiro é unha homenaxe da cidade a A. Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950). A enorme achega deste intelectual e activista do galeguismo foi recoñecida pola cidade que lle asignou esta localización monumental, no centro dunha carballeira que é un dos corazóns da historia de Santiago.
O artista conquista o desafío e é quen de facer xurdir da terra unha enorme pedra que encarna a Galicia ao tempo que evoca elementos ancestrais como os petróglifos ou os ríos. Unha figura humana atravesa o granito, dándolle vida, cor e movemento. Esta unión do territorio e o seu pobo, que non se comprenden o un sen o outro, alude ao compromiso cívico e ao amor a Galicia que a xuízo do artista se fusionan na figura de Castelao.
Bibliografía
Micropatrimonio de Compostela - Escultura Contemporánea. Concello de Santiago e Compostela Cultura, 2019