Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Estatua
Cronoloxía
1898
Autor
Francisco Vidal Castro
Historia
Manuel Ventura Figueroa (1708-1783) naceu en Santiago e chegou a ser un prestixioso xurista; ocupou diversos postos nas administracións eclesiástica e real onde acabou destacando pola súa brillantez e o seu carácter afable. Estivo implicado en moitas iniciativas do goberno ilustrado de Carlos III como a fundación do Banco de San Carlos (hoxe Banco de España) ou o Concordato de 1753.
A estatua estivo inicialmente nos xardíns nos que hoxe está a fonte da Cuncha, fronte ao Colexio de San Clemente. Na reordenación da zona en 1949 foi trasladada a este lugar.
Descrición
Esta obra de Francisco Vidal Castro foi encargada en 1898 polos parentes deste sinalado eclesiástico, que foi patriarca das Indias e conselleiro de Carlos III. É unha peza de gran tamaño que se apoia nunha base de granito e que garda certo parecido no estilo coa de Casto Méndez Núñez.
Presenta o letrado coas vestimentas do seu estado e a perruca á moda da época, amosando o escrito de fundación da súa obra pía, destinada a sufragar os estudos universitarios dos seus parentes pobres e a súa descendencia. Hoxe unha fundación -creada polos seus herdeiros para xestionar a súa vontade- mantén vivo o legado deste home. É unha das máis antigas de España e continúa dando bolsas aos descendentes da súa familia.