
Zona verde
Xardín da Carreira do Conde
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Escultura
Cronoloxía
2010
Autor
José Molares
Historia
O escritor e pensador Ricardo Carvalho Calero naceu en Ferrol en 1910, mais trasladouse en 1926 a Santiago de Compostela, por cuxa Universidade foi licenciado en Dereito e en Filosofía e Letras. Membro da Real Academia Galega, tamén ostentou a Cátedra de Lingüística e Literatura Galega na Universidade de Santiago. A súa traxectoria política como galeguista e na defensa da República levouno ao cárcere, período tras o que regresou á súa cidade natal.
Cunha das máis completas e extensas traxectorias vitais en defensa da cultura galega, converteuse nun dos persoeiros fundamentais no campo da literatura e a lingua galegas. No seu labor literario destaca fundamentalmente como poeta, constituíndo todo un referente para a xeración de poetas dos anos oitenta do século pasado, década na que publica obras destacadas como Pretérito Imperfeito, Futuro condicional, Cantigas de Amigo e Outros Poemas ou Reticências. Como narrador obtivo o Premio da Crítica pola súa novela Scórpio, considerada por moitos como a mellor escrita en galego. Tamén escribe varias pezas dramáticas recollidas no seu Teatro Completo, e posúe unha extensa produción como crítico.
Mais a relevancia da súa figura transcende o eido da produción literaria, destacando o seu compromiso pola defensa da lingua e a literatura propias a través dos seus estudos e o seu posicionamento reintegracionista, feito este que lle custaría ser marxinado nos últimos anos da súa vida. Entre os seus méritos atópase ser cofundador da Editorial Galaxia, onde publica a primeira obra narrativa en galego na posguerra, A Gente da Barreira.
Ricardo Cavalho Calero foi unha figura clave para entender a investigación lingüística e literaria galega. A súa Gramática Elemental del Gallego Común superou todas as precedentes e actualizou con rigor científico o estudo da lingua, e a súa monumental Historia da Literatura Galega Contemporánea constitúe por vez primeira un esforzo de investigación da nosa literatura actual, unha interpretación crítica dos escritores que dende Rosalía a Cunqueiro cubriron un proceso fundamental na historia das nosas letras contemporáneas.
Descrición
Ricardo Carvalho Calero finou en Santiago no 1990. Ten unha rúa co seu nome en Vista Alegre lembrando a súa memoria e, desde 2010 conta con este monumento preto da casa onde residiu na Carreira do Conde. En Santiago tamén está a súa tumba, situada no Cemiterio de Boisaca.
Esta escultura foi inaugurada en 2010, con motivo do centenario do seu nacemento. Con este acto téntase subliñar a necesidade de recoñecer a figura de Ricardo Carvalho Calero, quen, varias décadas despois do seu pasamento, aínda non recibiu o seu merecido recoñecemento. Estivo en varias ocasións entre os nomeados polos membros da Real Academia Galega para dedicarlle o Día das Letras Galegas, aínda que nunca chegou a ser o escollido.
A autoría desta estatua corresponde a José Molares, nado en 1961 en Vigo. Molares é un escultor coñecido principalmente polo Monumento a Dani Rivas, situado no barrio do Rosal en Moaña, e a Jules Verne nos xardíns de Montero Ríos en Vigo.
A peza consiste nunha base cúbica de granito rosa Porriño, que mostra inscricións en tres das súas caras. Este monumento foi promocionado pola Fundación Meendinho, que solicitou contribucións populares e de diferentes entidades e institucións, dato que se recolle na inscrición dun dos laterais do cubo granítico. A principal foi a aportada polo Clúster del Granito, que elaborou e cedeu a base sobre a que repousa a estatua.
A inscrición que aparece cara a fronte da estatua cita: «RICARDO CARVALHO CALERO. FERROL 30.10.1910 – SANTIAGO DE COMPOSTELA 25.03.1990». No outro lateral aparece unha cita deste escritor: «A FALA DA GALIZA, O PORTUGUÊS DE PORTUGAL, O PORTUGUÊS DE BRASIL E OS PORTUGUÊS DOS DISTINTOS TERRITORIOS LUSOFONOS FORMAM UM ÚNICO DIASSISTEMA LINGÜÍSTICO, CONHECIDO ENTRE NÓS POPULARMENTE COMO GALEGO E INTERCNACIONALMENTE COMO PORTUGUÊS. R.C.C.»
Sobre esta base colócase a representación en bronce do escritor, cun tamaño de 100x50x100 centímetros. Este busto, lonxe do hieratismo tradicional que adoitaban ter este tipo de representacións, rompe coa rixidez e inmobilidade no xesto do representado, para dotalo de movemento por medio do brazo do escritor, que avanza no espazo escultórico cara o espectador, interactuando con el nun xesto cómplice. Sen embargo, o outro lado dos ombreiros parece inacabada, desdebuxada, marcando unha diagonal na figura que a dota de moito movemento e gran calidade plástica.