mainimg
Código: PV010
-
Patrimonio
Localización

Zona verde

Praza de Vigo

Barrio

Ensanche

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Escultura

Cronoloxía

1982

Historia

A reordenación territorial de 1833 dá lugar a que Conxo se constituíse como concello independente até 1925. É neste período cando nace aquí Rosalía de Castro, nun terreo que pasará a pertencer ao Concello de Santiago de Compostela tras a conurbación territorial de 1925. Esta zona formará parte do novo ensanche de poboación, desenvolvido no século XX e centrado en dúas zonas: a contorna da rúa Montero Ríos e a zona coñecida como Cornes, onde se establecerá a Praza de Vigo.

A zona na que se situaba a casa na que naceu Rosalía o 24 de febreiro de 1837, lémbrase na actualidade por medio dun monumento, situado na Praza de Vigo desde hai xa varias décadas, e por unha avenida que leva o seu nome, a avenida de Rosalía de Castro, que antes era coñecida como Camiño Novo. Na primeira metade do século XX, esta era unha zona de labranza na que se establecía un rueiro de pequenas casas, que serán derruídas para levar a cabo o novo plan urbanístico de 1946. Un destes edificios derruídos será a casa natal da poetisa.

A idea de realizar un monumento alusivo ao lugar nacemento de Rosalía de Castro, nun lugar próximo á actual Praza de Vigo, xurdiu nunha agrupación compostelá e foi recollida pola Comisión de Educación e Cultura. A súa realización aprobouse no pleno da corporación municipal celebrado en maio de 1982. Xunto coa súa colocación realizouse tamén o axardinamento da contorna na Praza de Vigo, reducindo o número de vehículos que empregaban a zona como aparcadoiro. Tamén se dotou dun servizo de iluminación permanente.

Descrición

145 anos despois do seu nacemento, o Concello de Santiago de Compostela colocou un monumento na súa zona de nacemento, no lugar de Cornes, antigo Concello de Conxo, e que hoxe ocupa a Praza de Vigo.

O monumento consta dun gran monólito de pedra granítica sobre o que se sitúa unha placa en bronce que reproduce o busto da poetisa en altorrelevo. Na parte inferior, tallada na pedra, aparece a seguinte inscrición:

ROSALÍA DE CASTRO
24-II-1837 15-VII-1885
A ROSALÍA DE CASTRO
DEFENSORA DOS INTERESES
CULTURAIS, SOCIAIS E
HUMANOS DE TÓDOLOS
GALEGOS, 145 ANIVERSARIO
DO SEU NACEMENTO
CONCELLO DE SANTIAGO, 1.982

Na parte posterior do monólito sitúase outra inscrición, similar á da parte dianteira, na que se recolle unha das súas poesías:

“NASIN CANDO AS PRANTAS NASEN
NO MES DAS FROLES NASIN.
NUNHA ALBORADA MAINIÑA,
NUNHA ALBORADA DE ABRIL,
POR ESO ME CHAMAN ROSA,
MAIS A DO TRISTE SORRIR,
CON ESPIÑAS PARA TODOS,
SIN NINGUNHA PARA TI.”

Esta inscrición na pedra ven a substituír á cartela de bronce coa que contaba o monumento na súa inauguración no ano 1982. Esta placa traseira recollía unha das poesías de Rosalía, que facía referencia ao seu nacemento e aos momentos da súa vida que transcorreron neste barrio onde agora se levanta esta peza.

O monólito de pedra que conforma esta escultura, cun peso superior ás 12 toneladas e 3,5 metros de altura, foi realizado nos talleres dun canteiro de Calo, mentres que as dúas pezas de fundición en bronce correron a cargo duns talleres composteláns.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)