
Zona verde
Xardíns de Mosquera Pérez
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Escultura
Cronoloxía
1995
Autor
Fernando García Blanco
Historia
Xosé Mosquera Pérez (Enfesta 18/09/1895 - Santiago de Compostela 30/12/1965) foi un profesor galeguista que dirixiu ao grupo de teatro Cativeces (1923-1925), na liña de animación cultural e didáctica que iniciaran as Irmandades da Fala. Xosé Mosquera tiña especiais condicións para a declamación e a interpretación, polo que entre 1932 e 1936 traballou na emisora santiaguesa Unión Radio Galicia.
A emisora desenrolou unha interesante labor a prol do Estatuto de Galicia de 1936 e da cultura galega, xa que ofrecía sesións de música galega, conferencias de divulgación cultural e política, e estableceu unha sección infantil os xoves, dedicada aos rapaces menores de dezaseis anos, onde destacaba o recitador coñecido como o Vello dos Contos, personaxe creada por Mosquera. Narraba contos folclóricos ou orixinais, fábulas, adiviñas e leccións sobre o coñecemento da lingua galega.
Xa cedo, tivo dous espazos na programación diaria de Radio Galicia no ano 1933, un pola mañá, dedicado aos contos, e outro pola tarde de recitado de poesías. A figura do Vello dos Contos foi a primeira personaxe realmente popular da radio galega e acabou por darlle nome ao seu creador, que será coñecido para sempre por este alcume.
Frecuentaba os faladoiros de Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño, que traballaban na Editorial Nós, e era militante do Partido Galeguista, o que ocasionou a súa detención, provocando unha importante reacción da prensa local. Na posguerra esforzouse por recuperar a figura de Rosalía de Castro, promovendo a creación do seu Padroado, do que foi presidente. Quería recuperar as casas nas que vivira Rosalía, as Torres de Lestrobe, a Casa do Mestre Gende en Padrón, a Casa da Matanza ou o Pazo de Arretén, para transformalos en residencias para poetas, intelectuais e artistas. Foi elixido membro da Real Academia Galega en 1952.
Descrición
Escultura conmemorativa realizada por Fernando García Blanco en bronce sobre pedestal de pedra, que foi inaugurada en xaneiro de 1995. Inserto nun bloque de granito atópase un busto de bronce que representa a Xosé Mosquera Pérez, xunto coa seguinte inscrición nunha cartela de bronce:
O CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
EN HOMENAXE Ó GRAN GALEGUISTA
XOSÉ MOSQUERA PÉREZ “O VELLO DOS CONTOS”
ALMA MATER DO PATRONATO ROSALÍA DE CASTRO
1895 – 1965.
Outras obras de Fernando García Blanco nos parques de Santiago son A Leiteira na Alameda, o Monumento á Tuna no Campus Universitario Sur ou A Pastora no Parque do Carme de Abaixo.