
Zona verde
Parque do Monte da Almáciga
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Morus alba L.
Nome común en galego
Moreira ou moreira branca
Nome común en castelán
Morera
Características
Na zona do Miradoiro do Monte da Almáciga, nunha explanada dotada con bancos que crea unha área estancial, medran moreiras acompañadas de tileiros americanos (Tilia americana). Forman varias ringleiras, combinándose as dúas filas de cinco moreiras, cada unha no exterior, coas outras dúas filas de cinco tileiros americanos, cada un no interior do espazo.
A finais da primavera as follas das moreiras forman unha sombra mesta na que poderemos atopar os seus doces froitos, que atraen a persoas e animais a esta zona debido ao seu agradable sabor, sendo un elemento máis de interese no parque.
Orixe e distribución
Tanto a moreira como a seda proceden de Asia, non coñecéndose en occidente até o século VI cando os monxes nestorianos introduciron as especies da moreira e a eiruga de seda (Bombyx mori) no Mediterráneo. España e Italia convertéronse en grandes produtores, sobre todo na zona de Andalucía e Murcia, que trasladarán esta industria ás colonias americanas.
Descrición
Árbores de personalidade incerta, con algúns trazos que poden variar profundamente dun individuo a outro e mesmo na mesma planta, en especial no que se refire ás características da folla e á súa tendencia sexual. Ademais, a moreira branca (Morus alba) e a negra (Morus nigra) son dúas especies moi similares, cuxo carácter diferenciador máis patente é a cor dos seus froitos.
Árbores de crecemento rápido e talla media, que poden chegar a alcanzar os 15 metros e vivir arredor dos 100 anos. Teñen a copa ampla e redondeada, moi ramificados dende a base e co tronco groso e breve de cortiza parda-grisácea que se racha coa idade.
Follas simples, con pecíolo longo e gordo, de bordo dentado ou serrado. A forma máis común é a de forma de corazón, mais con variabilidade foliar xa que poden aparecer follas máis ou menos lobuladas, mesmo nun mesmo individuo. Son de cor verde lustrosa pola face e co envés sen pelos, mentres que as da moreira negra teñen unha tonalidade máis escura e posúen unha pilosidade densa na súa cara inferior.
As flores son unisexuais, pequenas e verdosas, dispostas en acios curtos na árbore entre abril e maio. Existen individuos macho, femia ou con flores de ambos os sexos á vez. Os froitos son pequenos e carnosos, reunidos do mesmo xeito que as flores das que proceden, en curtos e apertados acios que coñecemos como mouras, que maduran no verán.
Etimoloxía
Morus é unha palabra latina que deriva do grego moron, que á súa vez provén do celta mor (negro). O epíteto latino alba alude á cor máis pálida dos seus froitos que na variedade Morus nigra.
Usos
A moreira foi cultivada dende antigo na China de forma intensiva pola industria téxtil, xa que as súas follas son o alimento da eiruga da seda que sincroniza o seu nacemento coa saída das novas follas da moreira. Á cría da eiruga da seda denomínase sericultura.
A seda foi comercializada en Europa procedente da China por medio da Ruta da Seda, establecida cara o século VI cara a Constantinopla de Xustiniano e pola que viaxou Marco Polo a principios do século XIII. Recibe este nome por ser a seda a mercadoría máis valiosa das que circulaban por ela, mais non foi a única pois tamén comerciaban con especias, pedras preciosas e marfil. Na Península Ibérica o seu cultivo popularizouse tras a chegada dos árabes no 711.
As amoras serven para elaborar marmeladas e bebidas refrescantes. Consumidas frescas, presentan o inconveniente de tinguir de vermello as mans e a boca. Teñen efecto laxante e son ricas en vitamina C. A madeira, resistente e duradeira, é apreciada en carpintería, ebanistería e tornería.