
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Mosteiro
Cronoloxía
1129
Historia
Na parroquia deste convento celébranse en setembro as festas da Nosa Señora da Mercé e San Serapio, xunto coas festas do Cristo da Paciencia, o segundo domingo de Pascua. Continúa o costume de facer procesións, que parten do centro da cidade e son amenizadas con música, xogos populares e deportes. Destaca a Semana Cultural de Conxo, enmarcada nas festas patronais da Mercé.
En 1835, Conxo constituíuse como Concello independente, comprendendo as parroquias de Conxo, Laraño, Villestro, Figueiras, O Eixo, Aríns, Bando e Marrozos. Foi neste concello onde naceu a escritora Rosalía de Castro en 1837, na zona de Cornes. En 1925 é anexionado ao concello de Santiago de Compostela, durante a ditadura de Primo de Rivera.
Outros fitos históricos foron o Banquete de Conxo de 1856, con Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre entre os participantes, mentres que en 1873 saíu da estación de Cornes o primeiro ferrocarril de Galicia, con destino a Carril.
Descrición
Segundo a tradición, o mosteiro foi financiado pola dama francesa Rusuída para dar sepultura ao seu prometido, Almerico Canogio, nome de que supostamente deriva Conxo. Almerico facía a peregrinación a Santiago cando foi asasinado, polo que a dama fixo edificar o recinto e quedou como primeira abadesa.
Mais os documentos históricos atribúen a súa fundación ao Arcebispo Xelmírez (1101-1136), conservando aínda dous arcos románicos do claustro, nos que se pode ler a inscrición fundacional do ano 1129. Inicialmente acolleu unha comunidade de monxas beneditinas, mais tras o seu traslado a San Paio Antealtares, establécense nel os Mercedarios (1482).
Xa dende a Prehistoria esta zona estivo poboada, como o indican os indicios atopados no Castriño de Conxo, e sobre o século X aséntase como núcleo poboacional, concentrando a súa actividade arredor do mosteiro, que foi colexio maior universitario de estudantes e profesores da universidade compostelá.
O conxunto actual foi construído nos séculos XVII e XVIII. O convento ten planta cuadrangular con muros de granito e está organizado en dous andares. Fernández Sarela encárgase da portería, que destaca no exterior pola súa portada enmarcada por columnas de orde toscana rematadas por cilindros nos que se apoia o cornixamento, e contén un balcón e un escudo mercedario.
A igrexa está situada á esquerda, realizada entre 1693 e 1710 por Frei Gabriel de Casas, ten planta de cruz latina, cruceiro, capelas laterais con tribuna, cubertas de bóveda de canón e cúpula de media laranxa con corpo cadrado ao exterior.
A fachada principal, o claustro e a Capela do San Cristo son obra de Simón Rodríguez. Esta última expón unha escultura dun Cristo Crucificado de Gregorio Fernández dentro dun retablo barroco de gran valor.
Coa desamortización de Mendizábal (1835), os frades mercedarios serán trasladados ao Mosteiro de Poio, aínda que seguen rexentando a parroquia. Nas dependencias e na horta do mosteiro constituíuse o primeiro Sanatorio Psiquiátrico de Galicia, proxecto que comeza en 1865 para dar atención e custodia aos doentes mentais de Galicia e León.
En 1902 amplíanse as instalacións do sanatorio psiquiátrico coa construción dun novo edificio no que Benlluire deseña unha monumental escaleira de mármore, con gran lucernario, símbolo da opulencia que se lle quixo dar no seu momento á institución. Destaca tamén unha lápida de bronce colocada na parede e dedicada ao Cardeal Martín de Herrera no ano 1925.
No ano 1969 é adquirido pola Deputación Provincial da Coruña, mentres que en 1993, todos os servizos asistenciais dependentes da Fundación Sanatorio Psiquiátrico de Conxo son transferidos ao Servizo Galego de Saúde, en que está integrado como Centro de Rehabilitación Psicosocial e unidades de media e longa estancia residencial para doentes mentais.