
Zona verde
Río Sarela: treito Carme de Abaixo-Ponte de Santo Domingo
Parroquia
San Paio
Tipoloxía
Muíño
Historia
Os muíños, xunto con hórreos e alpendres, forman parte indispensable da paisaxe agraria en Galicia. Segundo Lucas Labrada na súa “Descripción económica del Reino de Galicia” do 1804, no 1797 Galicia contaba cuns 8.278 muíños de gran.
A actividade transformadora do cereal mediante a acción mecánica de pezas elaboradas, comezou coa fricción entre unha madeira ou unha pedra labradas refregadas contra unha pedra chá ou cóncava para esmiuzar o gran. Estes muíños chans ou manuais xa eran empregados na época castrexa, antes da romanización, en Galicia.
Coa invasión romana apareceron os muíños de man circulares. Cunha peza pétrea fixa e con outra móbil e mediante o uso da forza muscular moíase centeo, trigo ou cebada, movendo a pedra superior mediante o empurre da man en sentido circular.
A Alta Idade Media trouxo a incorporación do muíño de auga en Galicia e suponse que a súa aparición está vinculada aos mosteiros que os introducirían aló polo século XI. Os muíños de auga que aproveitan ríos e regos son os máis abundantes en Galicia, moi abundantes na zona de Santiago, aínda que a maioría están desaparecidos ou en moi malas condicións e son moi poucos os que quedan completos, e menos aínda os que están en uso.
Os máis abundantes en Galicia son os muíños que moven as moas utilizando o rodicio, peza de ferro que aínda podemos ver na boca do inferno nalgúns muíños. Nas aceas, a maquinaria acciónase cunha gran roda hidráulica que se movía coa forza da corrente da auga e estaba colocado nun lateral exterior da construción. Os muíños de río podían ser de cubo, cando contaban cunha balsa traseira na que almacenaban auga evitando así as épocas de escaseza, ou de canle.
Nos muíños que se dedicaban a moer cereal, distinguíanse os muíños de millo dos de trigo, xa que as moas destes últimos eran máis finas que as utilizadas para os primeiros. Os de trigo adoitaban chamarse muíños brancos.
Dende o punto de vista da propiedade, distínguense os muíños dun só propietario ou de maquía (esta era o prezo que tiñan que pagar ao propietario), e os de propiedade compartida coñecidos como de herdeiros ou aparceiros.
Descrición
Na ribeira do río Sarela, está localizado preto da ponte nova de San Domingos. Trátase dun muíño-vivenda de dous andares que ten bóveda de medio canón na zona onde estaban instaladas as moas. De grande interese pola súa esmerada construción. Ten tres piares nas augas que colle o río e fai catro arcos aliñados de saída das augas (catro moas), coas fiestras abocinadas sobre estes arcos. Muíño construído en pedra coa cuberta a dúas augas, mentres que e a edificación da vivenda tena a catro augas. Posúe un hórreo de madeira pintado de branco con listóns en negro, sobre cepas de madeira e cuberta de tella.
Este muíño estivo habitado e en funcionamento até hai uns 15 anos, momento no que foi expropiado pola Universidade de Santiago, posto que está emprazado nos terreos do futuro Xardín Botánico. Fai uns anos sufriu un incendio destruíu todas as cubertas, agás a bóveda pétrea. Malia ser como o Muíño da Capela, este nunca tivo ou foi unha capela.