mainimg
Código: AA090
-
Auga
Localización

Zona verde

Río Sarela: treito Carme de Abaixo-Ponte de Santo Domingo

Parroquia

San Paio

Información

Tipoloxía

Muíño

Historia

Os muíños, xunto con hórreos e alpendres, forman parte indispensable da paisaxe agraria en Galicia. Segundo Lucas Labrada na súa “Descripción económica del Reino de Galicia” do 1804, no 1797 Galicia contaba cuns 8.278 muíños de gran.

A actividade transformadora do cereal mediante a acción mecánica de pezas elaboradas, comezou coa fricción entre unha madeira ou unha pedra labradas refregadas contra unha pedra chá ou cóncava para esmiuzar o gran. Estes muíños chans ou manuais xa eran empregados na época castrexa, antes da romanización, en Galicia.

Coa invasión romana apareceron os muíños de man circulares. Cunha peza pétrea fixa e con outra móbil e mediante o uso da forza muscular moíase centeo, trigo ou cebada, movendo a pedra superior mediante o empurre da man en sentido circular.

A Alta Idade Media trouxo a incorporación do muíño de auga en Galicia e suponse que a súa aparición está vinculada aos mosteiros que os introducirían aló polo século XI. Os muíños de auga que aproveitan ríos e regos son os máis abundantes en Galicia, moi abundantes na zona de Santiago, aínda que a maioría están desaparecidos ou en moi malas condicións e son moi poucos os que quedan completos, e menos aínda os que están en uso.

Os máis abundantes en Galicia son os muíños que moven as moas utilizando o rodicio, peza de ferro que aínda podemos ver na boca do inferno nalgúns muíños. Nas aceas, a maquinaria acciónase cunha gran roda hidráulica que se movía coa forza da corrente da auga e estaba colocado nun lateral exterior da construción. Os muíños de río podían ser de cubo, cando contaban cunha balsa traseira na que almacenaban auga evitando así as épocas de escaseza, ou de canle.

Nos muíños que se dedicaban a moer cereal, distinguíanse os muíños de millo dos de trigo, xa que as moas destes últimos eran máis finas que as utilizadas para os primeiros. Os de trigo adoitaban chamarse muíños brancos.

Dende o punto de vista da propiedade, distínguense os muíños dun só propietario ou de maquía (esta era o prezo que tiñan que pagar ao propietario), e os de propiedade compartida coñecidos como de herdeiros ou aparceiros.

Descrición

Na ribeira do río Sarela. Edificación de dous corpos: unha L que tella a dúas augas e outro máis abaixo e rectangular por onde pasa a canle. Muros cachotaría de pedra e cheminea de pedra.

O muro de peche da parcela cara o río foi modificado e parece que se corrixiu o curso da canle de saída da auga. Na parte dianteira, na entrada da auga, formalizouse unha presa, entre muros, que recibe a auga dende o río e dende a canle doutro muíño, con pequenos saltos de auga que lle dan forza.

Unhas laxas grandes de pedra permiten cruzar este conxunto de canles. Neste punto, unha ponte de lousa de formigón permite cruzar o río até a outra beira.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)