mainimg
Código: BS016
-
Auga
Localización

Zona verde

Parque Fluvial das Brañas de Sar

Barrio

Sar

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Muíño

Historia

Os muíños, xunto cos lavadoiros e fontes, son áreas de actividade relacionadas coa vida económica e cotiá da comunidade. Ademais de para un uso concreto, a moenda, a recollida de auga ou para lavar a roupa cando non existía traída de auga nas casas, eran lugares moi animados de intensa relación social onde confluía a veciñanza de toda a contorna.

Os muíños das Brañas de Sar están dedicados á moenda de gran, aínda que os hai que están destinados á moenda de olivas, chumbo e cortizas; ou doutro tipo, como é o caso do Muíño do Morico, chamado tamén Casa do Martelo, que era antigamente un mazo onde se levaba o coiro para mazalo previamente á súa utilización para as solas do calzado.

Os que estaban dedicados á moenda do gran, aínda que as tipoloxías son variadas, teñen en común o emprego de dúas pedras, unha móbil e outra inferior fixa, para a obtención da fariña. Poden ser manuais, de vento ou de auga (hidráulicos). Son estes últimos os que podemos atopar nas Brañas de Sar.

O muíño é unha construción que contén un sinxelo mecanismo composto de distintas pezas destinadas a aproveitar a forza da auga para triturar os cereais. Este mecanismo pódese dividir en dúas partes: a parte inferior do muíño, chamada inferno, onde están as pezas do mecanismo de rotación, e a parte superior, o tremiñado, onde están as pezas do mecanismo de trituración.

O mecanismo de rotación está formado por unha roda motriz chamada rodicio, un eixo vertical, unhas pezas de sustentación do xiro e outras que permiten o desprazamento vertical do mecanismo. O mecanismo de trituración, esencialmente, está composto polas pedras de moer o cereal. As pedras son dúas, e reciben en conxunto o nome de roda mentres que por separado son nomeadas como pé, a pedra inferior fixa de forma cilíndrica, e moa, a pedra circular que traballa xirando enriba do pé. O gran desfaise ao pasar entre elas, obtendo deste xeito a fariña.

Cada muíño ten o seu nome, que é o xeito de designalos individualmente. Nos muíños de maquía a solución máis estendida era a de lle por o nome do seu propietario ou muiñeiro, ou tamén o seu alcume ou o da súa familia, como sucede en todos os casos atopados en Brañas de Sar. Estes nomes eran usados soamente polos clientes do muíño, porque o seu propietario e a familia referíanse a el simplemente coma o muíño, no caso de que só tiveran un. Pola contra, os muíños de herdeiros veñen a ser unhas das poucas construcións rurais cun nome propio que nada ten que ver coa súa propiedade. Só cando as construcións son comunais os nomes deixan de rexerse por ese criterio de propiedade tomando o nome do lugar onde se asentan, a orografía do entorno do muíño, ou nomes que fan referencia a unha peculiaridade propia da súa feitura arquitectónica ou tipoloxía.

Descrición

Trátase dun muíño-vivenda dos que uns 26 metros cadrados corresponden ao muíño. Está situado no tramo final das Brañas de Sar. Nútrese dunha canle de auga que pasa primeiro polo Muíño de Vilar. É un conxunto de corpos prismáticos maclados construídos en cachotería con reforzos nas esquinas, recercados de ocos e linteis de entradas e saídas de auga. Ten elementos de interese propios da arquitectura tradicional: chemineas de cantería de grande tamaño, cambota de pedra ou fiestras de carpintería enrasadas á fachada.

Aínda que coñecido co nome de Muíño de Miguel, unha filla da actual propietaria asegura que o nome é incorrecto porque o tal Miguel non era máis que o esposo da propietaria polo que, en realidade, debería ser coñecido como Muíño de Eugenia.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)