
Zona verde
Parque de San Domingos de Bonaval
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Museo
Cronoloxía
Século XIII
Historia
A fundación do convento atribúese ao propio Domingos de Guzmán (Burgos, 1170 - Bolonia, 1221) na súa peregrinación a Santiago en 1219, tres anos despois da fundación da orde. Crese que San Domingo estivo hospedado na casa de Mariña Soga, dama de nobre familia que lle cede parte do soar no que foi edificado o convento. A tradición tamén di que o dominico San Vicente Ferrer (1350-1419) predicou dende o púlpito da súa igrexa.
Na súa orixe, o convento estivo dedicado a Santa María, segundo confirman uns documentos de 1228, até que a finais do século XV toma xa o nome de Santo Domingo de Bonaval. Foi situado fóra da muralla defensiva que circundaba a cidadela medieval, preto dunha das principais portas de entrada, a Porta do Camiño, chamada así porque por alí entra o Camiño Francés de peregrinación a Compostela. Nestas entradas da muralla acostumaban a instalarse as ordes mendicantes, que ao estar extramuros podían dispoñer de espazo suficiente para as súas dependencias sen as limitacións de espazo do interior da cidade, e que ademais as colocaba preto das vías de comunicación para facilitar a asistencia e asilo dos viaxeiros.
Nas ordes mendicantes impera a pobreza polo que viven da esmola dos fieis, buscando volver a un tipo de Igrexa pobre, similar á dos primeiros tempos do cristianismo. Naceron no século XIII cos carmelitas, franciscanos, dominicos e agostiños, destacando sobre todo as figuras de San Francisco de Asís e Domingo Guzmán. Non buscaban o illamento da vida monástica, senón que os conventos situábanse nas cidades para atender espiritualmente á poboación.
Os usos do edificio ao longo da súa historia foron os seguintes:
- Dende a súa fundación no século XIII até a desamortización de 1837, os edificios de San Domingos de Bonaval serviron como dependencias monásticas para os frades dominicos.
- En 1841, tras a desamortización e exclaustración, a comunidade dominica abandona o convento. A corporación municipal proxecta converter o convento no cuartel do rexemento tras a demolición da igrexa, mais non se chegou a facer.
- Hospicio municipal, promovido polo arcebispo Vélez no 1841, na á norte.
- Colexio de xordomudos e cegos na ala sur dende 1864. Foi o primeiro colexio para persoas xordas de Galicia.
- Casa de beneficencia, dirixida polas fillas da caridade.
- Acolleu a Escola de Arte e Oficios Artísticos e a Escola do Traballo.
- Foi o Cemiterio Xeral entre 1837 e 1960, situado na zona na ladeira alta tras a ábsida da igrexa.
- Alberga o Panteón de Galegos Ilustres dende 1891, na capela lateral esquerda da igrexa.
- Dende 1963 acolle o Museo Municipal, con obxectos e documentos de interese histórico e cadros e esculturas dos séculos XVIII ao XX.
- En 1977 inaugúrase nel o Museo do Pobo Galego. Este ilustra aos visitantes sobre a cultura galega por medio de pezas de interese antropolóxico repartidas en diferentes salas dedicadas ao mar, ao campo, aos oficios, ao traxe, á música e á arquitectura popular.
- As salas contiguas ao Museo do Pobo Galego utilízanse como salas municipais de exposicións temporais e para espectáculos. A Zona C foi inaugurada en 2007 pola Concellaría de Cultura do Concello de Santiago para promover a creación de vangarda e aos novos artistas.
- Parte da á sur do convento está cedida para albergar as oficinas da Subdirección de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Xunta de Galicia, Servizo de Protección do Patrimonio e que coordina o Sistema Galego de Museos.
- A Confraría do Santo Rosario ten en propiedade a Capela do Rosario, construída en 1703 por Frei Gabriel de Casas, e sitúa aquí o seu cemiterio anexo de uso privado. Ocupa os terreos nos que se situaba o Claustro Vello ou Quintana de Frades.
Descrición
A primeira edificación, levantada entre a fundación e 1230 contaba con igrexa e convento dentro dunha pequena edificación de planta cadrada. Modificarase no século XIV, ampliándose baixo o mecenado do arcebispo González de León, mais desta primitiva construción consérvase máis ben pouco.
As doazóns realizadas durante os séculos XIV e XV permiten a reforma e ampliación dos edificios, arredor de 1419. Realízase a construción e reforma do claustro e da igrexa, de planta de cruz latina con tres naves con cruceiro, e algunhas familias nobres financian a edificación de capelas no testeiro. Parte destas construcións as conservamos hoxe como único exemplo en Compostela do gótico mendicante: a ábsida e o corpo central da igrexa, unha pequena parte do claustro, os sepulcros escultóricos e diferentes restos da fábrica do edificio.
A finais do século XVI a comunidade dominica encarga a Domingo de Andrade (arquitecto destacado pola súa obra no núcleo histórico de Compostela e polo seu nomeamento en 1676 como Mestre de Obras da Catedral) o proxecto do novo convento sobre a traza do medieval. As obras foron costeadas polo arcebispo Antonio de Monroy e Yjar (1685-1715) e tiveron lugar entre 1695 e 1715.
Pertencen á autoría de Andrade elementos tan destacados coma o coro da igrexa, as fachadas da igrexa e do convento, o campanario, o novo claustro substituíndo o de Avalle, de planta trapezoidal disimulada grazas aos efectos ópticos que lle dan aparencia regular. Nas pilastras atopamos a decoración típica de sartas de froitas, presente tamén noutros edificios barrocos da cidade.
Unha das xoias do conxunto é a tripla escaleira helicoidal realizada por Andrade, única no seu xénero ao contar con con tres ramplas despregadas nunha tripla hélice autosustentada, levando á práctica unha idea presente nos tratados renacentistas de arquitectura. Esta escaleira organiza o espazo de circulación entre os distintos andares no ángulo noroeste, e está cuberta por unha cúpula furada por catro fiestras que dan luz á caixa, orientadas aos catro puntos cardinais.
No ano 1912 foi declarado Monumento Nacional e Ben de Interese Cultural, e en abril de 1940 foi declarado conxunto histórico-artístico. O Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela catalógao como de Nivel 1, é dicir, que recoñece a excepcional calidade arquitectónica e valor histórico, artístico e cultural do conxunto.