
Zona verde
Monte do Viso
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Escultura
Cronoloxía
2020
Autor
José Manuel Méndez Rodríguez
Historia
A rica mitoloxía galega está ateigada de multitude de seres míticos variados, coloridos; algúns con poderes sobrenaturais e outros con pequenos poderes para facer pequenas maldades; uns con forma humana e outros encarnados en animais da máis variada pelaxe.
No universo mítico galego atopamos razas míticas como as mouras e mouros, os xigantes, os diaños, os trasgos, as lavandeiras ou as xacias e as lamias. Outros teñen aparencia humana, mais gozan de poderes máxicos como as meigas, o nubeiro ou os lobishomes. Tamén personaxes da historia mítica de Galicia como Breogán ou a Raíña Lupa; e moitos animais reais como o lobo e a cobra e outros completamente imaxinarios como a Coca, o dragón ou o unicornio.
Deste acervo popular, preséntanse a través deste percorrido polas novas sendas que permiten gozar do Monte do Viso, a 11 seres de lenda como mostra do universo mítico galego, un patrimonio de alto nivel. O seres que figuran na Senda Mitolóxica do Monte do Viso son: os Mouros, a Moura, o Nubeiro, o Tardo, a Lamia, o Gatipedro, Breogán, a Coca, os Biosbardos, a Meiga e o Urco.
O autor das 10 figuras míticas que compoñen a Senda Mitolóxica do Monte do Viso é José Manuel Méndez Rodríguez, tanto do deseño como do desenvolvemento a tamaño real. Méndez naceu en Santiago de Compostela o 5 de setembro de 1956. Inicia a súa carreira profesional en 1972 obtendo o primeiro premio de pintura no XVI Certame Nacional de Arte celebrado na Coruña. Ao longo da súa carreira realiza creacións en pintura, escultura, fotografía e teatro.
Descrición
O Gatipedro é un ser mitolóxico un pouco malvado, pois fai que as súas vítimas mexen na cama.
Con forma de gato cun corno na cabeza, ten por costume entrar nas casas polas noites e parar nos cuartos onde hai nenos ou nenas durmindo para subir encima do seu peito e botar auga polo corno. A persoa durmida, escoitando o pingar da auga que sae do corno, soña que mexa e faino de verdade na cama.
Segundo a tradición popular, para protexernos destas pequenas maldades do Gatipedro hai que poñer unhas areas de sal diante da porta do cuarto e ao carón da fiestra, porque como camiña apoiándose nas catro patas e na lingua, cando sente o sabor do sal dá a volta e deixa os nenos e nenas da casa en paz.
Bibliografía
Senda Mitolóxica do Monte Viso. Concello de Santiago e Tropa Verde SCQ, 2020