
Zona verde
Monte do Viso
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Escultura
Cronoloxía
2020
Autor
José Manuel Méndez Rodríguez
Historia
A rica mitoloxía galega está ateigada de multitude de seres míticos variados, coloridos; algúns con poderes sobrenaturais e outros con pequenos poderes para facer pequenas maldades; uns con forma humana e outros encarnados en animais da máis variada pelaxe.
No universo mítico galego atopamos razas míticas como as mouras e mouros, os xigantes, os diaños, os trasgos, as lavandeiras ou as xacias e as lamias. Outros teñen aparencia humana, mais gozan de poderes máxicos como as meigas, o nubeiro ou os lobishomes. Tamén personaxes da historia mítica de Galicia como Breogán ou a Raíña Lupa; e moitos animais reais como o lobo e a cobra e outros completamente imaxinarios como a Coca, o dragón ou o unicornio.
Deste acervo popular, preséntanse a través deste percorrido polas novas sendas que permiten gozar do Monte do Viso, a 11 seres de lenda como mostra do universo mítico galego, un patrimonio de alto nivel. O seres que figuran na Senda Mitolóxica do Monte do Viso son: os Mouros, a Moura, o Nubeiro, o Tardo, a Lamia, o Gatipedro, Breogán, a Coca, os Biosbardos, a Meiga e o Urco.
O autor das 10 figuras míticas que compoñen a Senda Mitolóxica do Monte do Viso é José Manuel Méndez Rodríguez, tanto do deseño como do desenvolvemento a tamaño real. Méndez naceu en Santiago de Compostela o 5 de setembro de 1956. Inicia a súa carreira profesional en 1972 obtendo o primeiro premio de pintura no XVI Certame Nacional de Arte celebrado na Coruña. Ao longo da súa carreira realiza creacións en pintura, escultura, fotografía e teatro.
Descrición
O Nubeiro é un xigante morador dos aires que sae das ferrerías e cabalga as nubes dirixindo tormentas e lóstregos. Sempre vai cargado de tronos e fai que as nubes descarguen toda a auga e a sarabia que levan. Ás veces baixa á terra para ver o resultado das súas fazañas.
Os nubeiros collen os lóstregos con tenaces de ferreiro e as súas pisadas, cos típicos zocos, producen os tronos. Non están sempre polos aires, senón que tamén andan pola terra, onde poder ser recoñecidos pola xente do campo que lles paga para evitar que a prexudiquen as tormentas.
Nas festas de Santa Bríxida, que se celebra o 31 de xaneiro, ao escurecer, os mozos tocaban as campás para así tratar de espantar ao Nubeiro.
Bibliografía
Senda Mitolóxica do Monte Viso. Concello de Santiago e Tropa Verde SCQ, 2020