
Zona verde
Monte do Viso
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Escultura
Cronoloxía
2021
Autor
José Manuel Méndez Rodríguez
Historia
A rica mitoloxía galega está ateigada de multitude de seres míticos variados, coloridos; algúns con poderes sobrenaturais e outros con pequenos poderes para facer pequenas maldades; uns con forma humana e outros encarnados en animais da máis variada pelaxe.
No universo mítico galego atopamos razas míticas como as mouras e mouros, os xigantes, os diaños, os trasgos, as lavandeiras ou as xacias e as lamias. Outros teñen aparencia humana, mais gozan de poderes máxicos como as meigas, o nubeiro ou os lobishomes. Tamén personaxes da historia mítica de Galicia como Breogán ou a Raíña Lupa; e moitos animais reais como o lobo e a cobra e outros completamente imaxinarios como a Coca, o dragón ou o unicornio.
Deste acervo popular, preséntanse a través deste percorrido polas novas sendas que permiten gozar do Monte do Viso, a 11 seres de lenda como mostra do universo mítico galego, un patrimonio de alto nivel. O seres que figuran na Senda Mitolóxica do Monte do Viso son: os Mouros, a Moura, o Nubeiro, o Tardo, a Lamia, o Gatipedro, Breogán, a Coca, os Biosbardos, a Meiga e o Urco.
O autor das 10 figuras míticas que compoñen a Senda Mitolóxica do Monte do Viso é José Manuel Méndez Rodríguez, tanto do deseño como do desenvolvemento a tamaño real. Méndez naceu en Santiago de Compostela o 5 de setembro de 1956. Inicia a súa carreira profesional en 1972 obtendo o primeiro premio de pintura no XVI Certame Nacional de Arte celebrado na Coruña. Ao longo da súa carreira realiza creacións en pintura, escultura, fotografía e teatro.
Descrición
O Urco é un animal fantástico, unha figura mitolóxica que as lendas describen como unha especie de can negro con grandes cornos que arrastra unha grosa cadea. Contan que é un demo que chucha as almas, sobre todo as das persoas envexosas e ruíns que finxen ser as nosas amigas e, por atrás, fannos todo o mal que poden.
Segundo a mitoloxía popular habita nas ribeiras dos ríos ou preto do mar, por iso tamén é coñecido como Can de Mar, e así o testemuñan as moitas lendas sobre o Urco que se contan ao longo de toda a costa de Galicia. Unha destas lendas di que o Urco habitaría en Borrón, un lugar tenebroso, cheo de brétema pertencente ao alén.
Desde 1876, o Urco é a figura central do Entroido de Pontevedra, honor que comparte co loro Ravachol.