mainimg
Código: PV007
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Praza de Vigo

Barrio

Ensanche

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Olea europaea L.

Nome común en galego

Oliveira

Nome común en castelán

Olivo, aceituno o acebuche

Información

Características

Na Praza de Vigo podemos atopar tres exemplares de oliveira medrando tras ao Monumento a Rosalía de Castro. Presentan un porte alongado e presenza da follaxe a bastante altura, a diferenza das oliveiras mediterráneas, modificadas mediante a poda para facilitar a recollida das olivas.

Orixe e distribución

Procede de Asia Oriental, mais está naturalizada en toda a fitorrexión mediterránea, xa que foi estendida por Europa hai máis de 3.000 anos polos fenicios. Tamén aparece na costa oriental de África, en América Central e meridional, principalmente en México e Perú, onde foi introducida por Antonio Ribero xa no ano 1560.

A raíz da implantación de cotas de produción de aceite de oliva na Unión Europea, moitas das oliveiras centenarias quedaron excluídas para este uso, encontrando unha nova aplicación como árbores ornamentais. Naceu así unha nova tendencia nos parques e xardíns, onde unha significativa cantidade de oliveiras centenarias foron transplantadas a novos emprazamentos por todo o mundo.

Descrición

Árbore robusta, de baixa estatura coa copa redondeada e o tronco que torna groso e retorto co paso dos anos. Ten a codia grisácea, lisa de nova e agretada coa idade. En Galilea hai oliveiras que teñen máis de 2.000 anos.

Follas simples e pequenas, opostas, perennes, coriáceas e lanceoladas cos bordos curvados. Teñen o pecíolo curto e son de cor verde mate na face e branca prateada no envés. As flores, brancas e pequenas, forman acios axilares, mais debido ao frío e a humidade do clima compostelán, as oliveiras que medran no noso municipio non florecen e, polo tanto, non dan froitos.

As olivas, carnosas e oleosas, son drupas de cor verde que escurece ao madurar no outono. O nome drupa foi dado polos romanos aos froitos da oliveira. Este termo pasou á nomenclatura botánica para denominar a todo froito similar, carnoso e cun só óso no seu interior.

Etimoloxía

O nome do xénero, olea, é o nome que os romanos daban tanto a esta árbore como ao seu froito e procede do grego élaion, aceite. O epíteto específico de europaea déuselle debido á crenza de que se trataba dunha especie exclusiva de Europa.

A Vigo chámaselle a cidade olívica en alusión aos magníficos exemplares, varias veces centenarios, cos que contaba a cidade e que aparecen no seu escudo. Aínda queda algunha oliveira bicentenaria, como é o caso da do Paseo de Afonso XII.

Usos

A oliveira, ademais de configurar a paisaxe mediterránea e ser parte esencial da súa economía, é un símbolo transcendental e un elemento sagrado para numerosas culturas deste ámbito xeográfico, como a exipcia, a fenicia, a grega, a romana, a cristiá, a xudea ou a musulmá. Aparece na tumba de Tutankhamon, como a árbore de Atenea, ou citada constantemente na Biblia e no Corán. As pólas de oliveira, xunto coas de loureiro, eran levadas a bendicir o Domingo de Ramos para traer boa sorte ás casas.

Nalgunhas parroquias do sur da provincia de Lugo e na de Ourense, con clima próximo ao mediterráneo ou de transición, cultívanse oliveiras para obter aceite co prensado das olivas. Estas zonas foran tradicionalmente produtoras de aceite, mais os Reis Católicos mandaron arrincar boa parte das oliveiras galegas para centralizar a produción, incentivar o repoboamento e a reactivación económica dos territorios reconquistados do sur da Península Ibérica, ao mesmo tempo que castigar ao Reino de Galicia por apoiar á herdeira lexítima da coroa e non a Isabel na sucesión ao trono de Castela.

O aceite denomínase virxe cando procede só da polpa das olivas. Tamén métense en salmoira feita con plantas aromáticas (fiúncho, allo ou tomiño) para eliminar o amargor natural e darlles sabor antes de ser consumidas.

Frecuentemente aparece como árbore de enfeite en moitos lugares de Galicia, destacando o uso de vellas oliveiras centenarias no adro das igrexas ou en algúns xardíns como no Cemiterio de Adina, en Padrón, onde nun principio fora soterrada Rosalía de Castro, até o seu traslado ao Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval; ou os cincocentos exemplares que forman un paseo no Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, no Concello de Vedra.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)