
Zona verde
Monte do Viso
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Escultura
Cronoloxía
2020
Autor
José Manuel Méndez Rodríguez
Historia
A rica mitoloxía galega está ateigada de multitude de seres míticos variados, coloridos; algúns con poderes sobrenaturais e outros con pequenos poderes para facer pequenas maldades; uns con forma humana e outros encarnados en animais da máis variada pelaxe.
No universo mítico galego atopamos razas míticas como as mouras e mouros, os xigantes, os diaños, os trasgos, as lavandeiras ou as xacias e as lamias. Outros teñen aparencia humana, mais gozan de poderes máxicos como as meigas, o nubeiro ou os lobishomes. Tamén personaxes da historia mítica de Galicia como Breogán ou a Raíña Lupa; e moitos animais reais como o lobo e a cobra e outros completamente imaxinarios como a Coca, o dragón ou o unicornio.
Deste acervo popular, preséntanse a través deste percorrido polas novas sendas que permiten gozar do Monte do Viso, a 11 seres de lenda como mostra do universo mítico galego, un patrimonio de alto nivel. O seres que figuran na Senda Mitolóxica do Monte do Viso son: os Mouros, a Moura, o Nubeiro, o Tardo, a Lamia, o Gatipedro, Breogán, a Coca, os Biosbardos, a Meiga e o Urco.
O autor das 10 figuras míticas que compoñen a Senda Mitolóxica do Monte do Viso é José Manuel Méndez Rodríguez, tanto do deseño como do desenvolvemento a tamaño real. Méndez naceu en Santiago de Compostela o 5 de setembro de 1956. Inicia a súa carreira profesional en 1972 obtendo o primeiro premio de pintura no XVI Certame Nacional de Arte celebrado na Coruña. Ao longo da súa carreira realiza creacións en pintura, escultura, fotografía e teatro.
Descrición
Os mouros aparecen nas lendas con aparencia humana ou como xigantes, mais sempre dotados dunha forza sobrenatural. Viven debaixo da terra e nunca abandonan os seus labirintos subterráneos, onde ocultan fabulosos tesouros. Considéranse os construtores dos túmulos prehistóricos, dos castros, das pontes e doutras estruturas de orixe antiga e descoñecida para a xente do campo.
Aínda que son máxicos, fan actividades propias dos humanos: cociñan, lavan, van por auga, teñen cabalos, crían porcos, pitas, bois, beben, tecen, fían, mallan, bailan, cantan e tamén gardan tesouros aos que non lles dan ningún aprecio.
Os mouros, malia o que poida parecer, nada teñen que ver coas persoas de orixe musulmá.
Bibliografía
Senda Mitolóxica do Monte Viso. Concello de Santiago e Tropa Verde SCQ, 2020