mainimg
Código: FE026
-
Patrimonio
Localización

Zona verde

Parque da Finca do Espiño

Barrio

Galeras

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Arquitectura civil

Cronoloxía

1910

Autor

Jesús López de Rego Labarta

Historia

A comezos do século XX en Galicia, aínda que se prolonga a construción de vilas e palacetes de estilo ecléctico como residencias para as familias burguesas, alcanza unha interesante repercusión o desenvolvemento da arquitectura pintoresca por influencia da arquitectura inglesa. De aquí xorde a nova moda de edificar vilas e chalés con formatos irregulares e asimétricos, inseridos nuns xardíns cada vez máis coidados.

Nestas construcións poden apreciarse dúas vertentes que se combinan nos edificios:

- Medievalizante, con protagonismo de corpos torreados e detalles historicistas nos formatos de vans e molduras.

- Pintoresca, marcada polas cubertas de maior pendente e proxección, paramentos nos que se combinan novos materiais como o ladrillo, o cemento e os azulexos decorativos, e poñendo grande énfase na presenza visual dos traballos de carpintaría e escultura.

Seguindo este novo estilo, as residencias potenciarán as siluetas recortadas e asimétricas, a maior diversificación no emprego de materiais e a busca de espazos de relación coa natureza a través das escalinatas, terrazas, soportais, varandas, balcóns, miradoiros e galerías abertos a distintos niveis.

Descrición

Foi construído para a familia do senador Ramón Gutiérrez de la Peña Quiroga polo arquitecto modernista Jesús López de Rego (1876-1972) arredor do ano 1910. Nesta época había xa tempo que non se construían verdadeiros pazos en Galicia, e sen embargo recupérase esta tradición construtiva, nunha mirada ao pasado tipicamente romántica, moi acorde coa ideoloxía tradicionalista dos seus promotores.

Tanto na familia de Ramón Gutiérrez de la Peña Quiroga como na da súa esposa, Concepción Armada Losada, atopábanse condes, marqueses, ministros, maxistrados, senadores e catedráticos. Pertencían a unha boa familia e querían deixalo claro na súa vivenda, situando a grande altura as armas do seu escudo nobiliario. Non plasmaban tanto o seu status coma representantes da nobreza galega senón que representaban o poder que lles gustaría recuperar e a sociedade á que lles gustaría retornar.

Ao igual que nos pazos, este edificio está destinado a residencia dunha familia adiñeirada, polo que as súas proporcións superarán notoriamente ao resto das vivendas da contorna. Presenta trazos suntuarios, signos heráldicos, muros perimetrais de pedra con portal de forxa, capela anexa e xardín.

Un dos tipos máis habituais de planta dos pazos medievais galegos é o irregular, determinado polo crecemento do edificio en etapas sucesivas, xeralmente a partir da torre, á que se lle fan engadidos. Neste palacete continúase coa irregularidade da planta e coa distribución en niveis ou intervalos do alzado.

A fachada principal oriéntase cara ao sur para aproveitar ao máximo a luz e a calor. O bloque máis destacado desta fachada constitúeo a torre, que destaca como entidade autónoma pola rotura das cornixas decorativas na súa estrutura e polas liñas ascendentes, que conectan a portada coas ventás e as ameas, semellando frechas apuntadas que proxectan o emblema familiar cara ao ceo.

Nas esquinas co pazo aparecen esculturas de cans e aguias, un símbolo tutelar y de protección tomado da Idade Media. Xunto aos cans aparecen tamén pequenos relevos con tres feroces cabezas de cans que poden facer referencia a Cerbero, o can de Hades que gardaba os infernos na mitoloxía grega.

Un século despois da súa construción, do palacete non quedan máis que as fachadas de formigón, xa que o interior e os tellados constitúen unha pequena montaña de entullos debido ao abandono da vivenda.

A capela anexa está situada ao norte do palacete, e a súa cabeceira mira cara o oeste. É pequena e de planta rectangular, cun estilo moito máis medievalizante que a residencia, que podemos apreciar nos arcos apuntados, os capiteis vexetais e o tímpano historiado na entrada.

Un alto bloque érguese sobre a capela e asemella un hórreo, construción bastante frecuente nos pazos galegos. Sen embargo, os estudos denominan campanario a esta estrutura. Está decorada con esculturas de aguias nas súas esquinas, ao igual que en algúns cantos do palacete. O estilo destas esculturas é similar ao que esculpiu López Pedre para a cornixa do seu taller da rúa do Pombal, polo que é posible que tamén sexa o autor destas. Outros estudosos atribúen á súa autoría ao escultor Ramón Núñez, quen tamén colaboraba frecuentemente con Jesús López de Rego.

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)