mainimg
Código: PR145
-
Patrimonio
Localización

Parroquia

Sabugueira

Información

Tipoloxía

Palco de música

Cronoloxía

1990

Historia

En Galicia chámase palco da música ao quiosco, unha construción festiva típica do século XIX e do XX, formado por unha estrutura situada nun parque ou xardín, deseñado para acomodar a execución musical das bandas nos concertos ao aire libre.

A maior parte dos primeiros palcos saíron de casas de fundición, normalmente con deseños de inspiración francesa, e logo modificados polo arquitecto municipal para adaptalos ao lugar e darlle as dimensións que a correspondente banda esixía.

Son unha construción moi aberta, un pavillón normalmente en madeira ou en metal, que consta dun zócalo no que o piso elevado forma a escena. As columnas levan un teito en pavillón de escaso desnivel, que funciona como campá acústica para favorecer a proxección do son, ao mesmo tempo que proporciona o abrigo necesario para lidar coas inclemencias meteorolóxicas. A súa forma circular ou poligonal, adáptase á disposición instrumental das bandas de música pola súa situación en forma media lúa ante o director.

As festas e celebracións populares xorden de forma primixenia dende principios do século XX, a partir de formacións de gaiteiros e bandas de música, especialmente nas festas parroquiais, mentres que nos anos 30 comezan a aparecer as primeiras formacións orquestrais.

A finais do século XX, co crecemento das bandas e do seu equipamento, construíronse moitos palcos de música para a interpretación de música en directo nas verbenas. Estes novos palcos situáronse no centro social e xeográfico de cada entidade territorial, habitualmente preto ou lindando co cemiterio e moi próximo ao adro da igrexa. Soen ser sufragados polos veciños, polo que teñen un significado especial ao formar parte da historia máis inmediata da parroquia, da cultura das súas festas e celebracións tradicionais.

Os novos palcos están realizados en pedra ou formigón, teñen forma rectangular e maiores dimensións, con máis tamaño e altura. Os antigos palcos circulares xa non resultan adecuados polas necesidades das formacións orquestrais cuxa disposición estenográfica se plasmaba nunha situación frontal e máis teatral. As orquestras necesitan un espazo máis ben rectangular, cunha fronte ampla e unha profundidade menor.

As numerosas parroquias existentes en Galicia adoitan celebrar polo menos unha festividade anual para honrar ao seu patrón ou patroa, case sempre con programación musical en directo, o que fai que anualmente se produzan máis de 2.000 verbenas. Isto deu lugar a unha industria musical totalmente enmarcada neste conglomerado lúdico, festivo e singular.

As novas formacións musicais do século XXI tiveron que saír do palco oficial porque a súa propia instalación instrumental precisaba dunha montaxe que non permitía a alternancia con outra banda ou orquestra. Outro factor complicado era a alimentación eléctrica, unha necesidade inexistente para as bandas de música, mais imprescindible para as novas formacións.

O escenario móbil substituirá ao palco da música, mais na maioría dos recintos de festas de Galicia mantense perpetuado como un símbolo intencional da festa patronal. A falta de espazo na igrexa, en ocasións pódese habilitar os antigos palcos para acoller o oficio de misas ao aire libre.

Descrición

Palco de planta dodecagonal que remata na súa parte dianteira de maneira redondeada a través dunhas escaleiras. Atópase na parte de inferior baixando polas escaleiras que veñen da Igrexa de San Paio de Sabugueira.

O palco está aberto na súa parte dianteira. O teito segue a mesma forma da planta, sendo descuberto na parte das escaleiras. Construído no ano 1990 ten dúas placas. Nunha pódese ler: “O día 22 de decembro de 1990 o alcalde de Santiago de Compostela Ilmo. Sr. D. Xerardo Estévez Fdez. inaugurou o palco da música e o local social de Lavacolla”.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)