Zona verde
Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Phoenix canariensis Hort. Ex Chabaud
Nome común en galego
Palmeira canaria
Nome común en castelán
Palmera canaria
Características
Está situado diante de Casa Europa, formando parella con outro exemplar situado no lado oposto das escaleiras e enmarcando, xunto cos abetos do Cáucaso (Abies nordmanniana) e os plátanos de sombra (Platanus x hispanica), a antiga casa de estilo colonial, dándolle aquel aire exótico tan típico das residencias dos emigrantes retornados que proliferaron na costa atlántica da nosa península na primeira metade do século XX.
Orixe e distribución
As palmeiras e os palmitos forman parte dun grupo de plantas ao que se coñece de xeito xenérico co nome de palmas. Na Península Ibérica existen moitos tipos de palmeiras ornamentais procedentes de todo o mundo, mais só existen dúas nativas: o palmito mediterráneo e a palmeira canaria.
Esta palmeira ten a súa orixe nas Illas Canarias. Foi coñecida en 1840 polo botánico inglés Philip Parker Webb que estudou, xunto con Berthelot, a flora do arquipélago. Con posterioridade cultivouse por toda a rexión mediterránea e suroeste de Europa.
Descrición
Esta monocotiledónea é algo máis pequena do que é a palmeira datileira, xa que non supera os 20 metros de altura. Como todas as árbores deste grupo, presenta un tronco cilíndrico, non cónico como é o habitual entre as dicotiledóneas. A madeira está constituída por diferentes fascículos que, nun corte transversal do tronco, se distribúen de forma irregular, sen formar as liñas de crecemento.
As follas teñen uns 5 metros e dispóñense na parte superior do fuste a modo de roseta. En condicións normais quedan prendidas ao tronco durante varios anos, mais nas cultivadas son retiradas para deixar o fuste limpo e evitar que caian ao chan.
É unha especie afín á palmeira datileira (Phoenix dactylifera), mais neste caso o froito, que se desenrola das inflorescencias, é unha drupa moi dura e non comestible.
Etimoloxía
O nome xenérico procede de phoinix que en grego significa á vez palmeira e fenicio, pois os helenos coñeceron as palmeiras por medio daquel pobo. Hai quen apunta á relación deste nome co da ave mitolóxica fénix. O epíteto latino canariensis alude á súa orixe nas Illas Canarias.
Usos
Polo seu porte esvelto e exótico, en Europa cultívase principalmente como árbore de aliñación ornamental en urbanizacións e parques.
O palmeiral de Elxe configura unha paisaxe única dende hai máis de 1.000 anos, pois foi orixinado polos árabes con máis de 200.000 exemplares, sendo deste xeito o maior de Europa. Foi unha plantación realizada no século X con fins agrarios, para delimitar as parcelas das hortas nun sistema de cultivo andalusí, polo que visto dende o aire forma cuadrículas.
Os dátiles da palmeira canaria non son comestibles, mais poden usarse de forraxe para o gando. Do seu zume, rico en azucres, extráese un xarope coñecido como guarapo, mel de palma ou lagmi, de gusto a orchata e co que se elabora augardente e mel. No ámbito rural canario, empréganse distintas partes desta árbore para fabricar teitos, vasoiras, sombreiros, esteiras ou redes de pesca.