
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Phoenix canariensis Hort. Ex Chabaud
Nome común en galego
Palmeira canaria
Nome común en castelán
Palmera canaria
Perímetro normal
2 metros
Altura
17 metros
Diámetro de copa
5 metros
Idade estimada
80 anos
Características
A zona onde están situadas as palmeiras denomínanse Paseo de Inverno, e está formado por varios camiños delimitados por aliñacións e sebes vexetais. Esta árbore está emprazada na cabeceira dunha das dúas aliñacións de palmeiras que caracterizan o espazo e conecta coa zona do xardín onde está emprazada a Fonte dos Condes de Altamira. Ao igual que esta, moitas das palmeiras teñen o seu estípite cuberto por plantas rubideiras que gabean na procura de luz, como a hedra (Hedera helix).
Orixe e distribución
As palmeiras e os palmitos forman parte dun grupo de plantas ao que se coñece de xeito xenérico co nome de palmas. Na Península Ibérica existen moitos tipos de palmeiras ornamentais procedentes de todo o mundo, mais só existen dúas nativas: o palmito mediterráneo e a palmeira canaria.
Esta palmeira ten a súa orixe nas Illas Canarias. Foi coñecida en 1840 polo botánico inglés Philip Parker Webb que estudou, xunto con Berthelot, a flora do arquipélago. Con posterioridade cultivouse por toda a rexión mediterránea e suroeste de Europa.
Descrición
Esta monocotiledónea é algo máis pequena do que é a palmeira datileira, xa que non supera os 20 metros de altura. Como todas as árbores deste grupo, presenta un tronco cilíndrico, non cónico como é o habitual entre as dicotiledóneas. A madeira está constituída por diferentes fascículos que, nun corte transversal do tronco, se distribúen de forma irregular, sen formar as liñas de crecemento.
As follas teñen uns 5 metros e dispóñense na parte superior do fuste a modo de roseta. En condicións normais quedan prendidas ao tronco durante varios anos, mais nas cultivadas son retiradas para deixar o fuste limpo e evitar que caian ao chan.
É unha especie afín á palmeira datileira (Phoenix dactylifera), mais neste caso o froito, que se desenrola das inflorescencias, é unha drupa moi dura e non comestible.
Etimoloxía
O nome xenérico procede de phoinix que en grego significa á vez palmeira e fenicio, pois os helenos coñeceron as palmeiras por medio daquel pobo. Hai quen apunta á relación deste nome co da ave mitolóxica fénix. O epíteto latino canariensis alude á súa orixe nas Illas Canarias.
Usos
Polo seu porte esvelto e exótico, en Europa cultívase principalmente como árbore de aliñación ornamental en urbanizacións e parques.
O palmeiral de Elxe configura unha paisaxe única dende hai máis de 1.000 anos, pois foi orixinado polos árabes con máis de 200.000 exemplares, sendo deste xeito o maior de Europa. Foi unha plantación realizada no século X con fins agrarios, para delimitar as parcelas das hortas nun sistema de cultivo andalusí, polo que visto dende o aire forma cuadrículas.
Os dátiles da palmeira canaria non son comestibles, mais poden usarse de forraxe para o gando. Do seu zume, rico en azucres, extráese un xarope coñecido como guarapo, mel de palma ou lagmi, de gusto a orchata e co que se elabora augardente e mel. No ámbito rural canario, empréganse distintas partes desta árbore para fabricar teitos, vasoiras, sombreiros, esteiras ou redes de pesca.