mainimg
Código: BR011
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque de Brandía

Barrio

Vidán

Parroquia

Laraño

Identificación

Nome científico

Trachycarpus fortunei (Hook) H. Wendl.

Nome común en galego

Palmeira de abano

Nome común en castelán

Palmera excelsa, palmito gigante o palmera de Fortune

Información

Características

Un grupo de palmeiras de abano ocupan os xardíns de entrada ao parque dende a antiga papeleira. Forman varias aliñacións, unha distribución habitual en paseos e avenidas públicas xa que o arborado linear aporta elementos estéticos, ao tempo que demarca zonas e crea barreiras visuais, protexendo do vento, o sol e o ruído.

Orixe e distribución

Procede do centro e leste da China e do norte de Burma (Myanmar). Foi introducida en Europa no 1839 por Carl Friedrich Philipp von Martius, quen a describiu erroneamente como un membro do xénero Chamaerops.

Dende mediados do século XX é plantada con certa frecuencia nos parques e xardíns europeos como árbore ornamental e exótica, particularmente na rexión mediterránea onde se atopan exemplares magníficos e moi desenrolados.

Aínda que as palmas non se adaptan ben aos invernos duros, a palmeira de abano posúe unha sorprendente capacidade para soportar o frío. Coñécese o caso dun exemplar en Bulgaria que resistiu -27,5ºC, polo que sobrevive sen problemas en xardíns de Escocia, Alemaña ou Dinamarca, onde é imposible que medren outras especies deste grupo de plantas. Incluso pódese ver plantado no sur de Alaska.

Descrición

Árbore monocotiledónea perennifolia co tronco peludo, formado polos restos entrelazados das súas follas, que recibe o nome de estípite. Pode chegar a medir 15 metros de altura, cun engrosamento característico na parte superior.

Como todas as palmas, só ten unha xema, na parte máis alta da planta, da que van saíndo as follas de forma continua, ao tempo que se van secando outras vellas que pasan a formar parte do estípite. Non presentan engrosamento secundario, até que o tronco alcanza aos poucos anos o seu diámetro definitivo, manténdose invariable durante o crecemento da planta en lonxitude.

As follas son palmatilobuladas, formadas por entre 20 e 50 segmentos agrupados nun penacho terminal. Son redondeadas, de máis de 2 metros de diámetro e cor verde escura, ás veces co envés máis pálido. As flores amarelas, pequenas e olorosas, están agrupadas en grandes inflorescencias (panículas) que aparecen nos meses de abril e maio. Os froitos son bagas redondas, do tamaño dunha ervella e cor negra azulada.

Etimoloxía

Trachycarpus procede das palabras gregas trachys (rudo ou áspero) e karpos (froito), polo que alude ao froito dalgunhas especies deste xénero. O epíteto fortunei fai honra a Robert Fortune (1812-1880), un botánico e explorador escocés que viaxou por China e Xapón estudando a flora autóctona para a Real Sociedade de Horticultura de Londres.

En inglés coñécese como chusan palm, porque foi na Illa de Zhoushan (antes chamada Chusan) onde Robert Fortune veu a especie cultivada por primeira vez.

Usos

Na China, de onde procede esta especie, a fibra das follas utilízase para a elaboración de cordas, vasoiras, cepillos, sacos e roupa, xa que é tremendamente resistente.

Cultívase en parques e xardíns como árbore ornamental, formando ringleiras nos camiños ou salpicando os xardíns en solitario. E frecuente tamén o seu uso en maceta.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)