mainimg
Código: BO045
-
Patrimonio
Localización

Zona verde

Parque de San Domingos de Bonaval

Barrio

Concheiros-Almáciga-Espírito Santo

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Arquitectura relixiosa

Cronoloxía

1891

Autor

Domingo de Andrade

Historia

A igrexa é a parte máis antiga do conxunto do convento de San Domingos. Foi construída no século XIII e reedificada por Domingo de Andrade no XVII-XVIII, conservando na súa cabeceira o único exemplo de gótico mendicante que se conserva na cidade. Nesta ábsida consérvanse catro sepulcros góticos da familia dos Condes de Altamira, e as naves rodéanse de capelas con distintas advocacións, destacando a do Rosario por ser a única na que se conserva o culto, a do Santo Cristo por ser a máis antiga da igrexa e a da Visitación, na que se atopa o Panteón de Galegos Ilustres.

Xa no ano 1865, Manuel Murguía pedía iniciar un panteón cos restos de Pastor Díaz na Igrexa da Compañía, propiedade da Universidade de Santiago de Compostela. En 1891 a Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, o Concello, o movemento rexionalista e un sector dos estudantes de Dereito da USC conseguiron trasladar dende Adina os restos de Rosalía de Castro. Aquel enterramento non tiña como finalidade iniciar un Panteón de Galegos Ilustres, senón procurarlle a Rosalía un monumento.

A partir deste momento foise fraguando na prensa galega a idea de converter a Igrexa de San Domingos de Bonaval nun panteón no que albergar os restos doutras personalidades destacadas, ao modo da abadía de Westminster, auténtico panteón da memoria de Inglaterra. E cando en 1900 foron trasladados a Bonaval os restos de Alfredo Brañas, a idea adquiriu nova forza, sobre todo entre os emigrantes galegos en América. Isto quedará patente en setembro de 1904, cando Curros Enríquez deposita unha ofrenda floral na tumba rosaliana por encargo do Centro Galego de La Habana.

No ano 1947 nace o Patronato Rosalía de Castro, que se responsabilizará de coidar do mausoleo da escritora de Padrón. Conseguiron darlle un novo pulo ao Panteón de Galegos Ilustres co enterro directo de Francisco Asorey en 1961, o traslado dos restos de Ramón Cabanillas en 1967, os de Castelao en 1984 e os de Domingo Fontán en 1988. O Presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga Iribarne, tentou levar ao Panteón os restos de Ramón del Valle Inclán e os de Manuel Murguía, mais non o conseguiu.

Primeiro o Padroadoo e despois a Fundación Rosalía, encargáronse da atención do Panteón de Galegos Ilustres até que son relevados polo Arcebispado e a Xunta de Galicia. O control do acceso ao espazo é labor do Museo do Pobo Galego, o mantemento das instalacións está xestionado pola Xunta de Galicia e o seu Parlamento, e a propiedade é do Arcebispado de Santiago de Compostela.

Descrición

O Panteón de Galegos Ilustres está situado na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, cuxa ábsida é visible dende o parque, preto dos nichos do antigo Cemiterio Xeral. A igrexa ten acceso dende o claustro, que forma parte das instalacións do Museo do Pobo Galego.

A capela lateral esquerda da igrexa, chamada da Visitación ou de San Domingos en Suriano, exerceu como Sala Capitular e hoxe está dedicada a albergar os restos de personaxes importantes na cultura galega. As tumbas destes galegos ilustres están todas nesta capela excepto a de Castelao, que se atopa nunha fornela independente na capela do Santo Cristo (tamén dedicada á Vera Cruz e ao Bo Xesús).

Na actualidade podemos atopar compartindo este espazo os restos de:

- Rosalía de Castro Abadía (1837-85): escritora do Rexurdimento. Os seus restos foron trasladados dende o cemiterio da Adina, en Iria Flavia; e colocados aquí o 25 de maio de 1891. O seu mausoleo, incrustado na parede da Capela da Visitación, é obra de Jesús Landeira Iglesias e levantado por subscrición popular iniciada en América por unha comisión cubana presidida por Xoán Manuel Espada e Henrique Novo, e continuada en Galicia pola Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Está feito de mármore en estilo neoclásico, e alberga a caixa de zinc cos restos da poetisa.

- Alfredo Brañas Menéndez (1859-1900): político, escritor e ideólogo do Rexionalismo. O seu monumento mortuorio foi colocado fronte ao de Rosalía de Castro en 1900.

- Ramón Cabanillas Enríquez (1876-1959): poeta, membros das Irmandades da Fala. Os seus restos foron trasladados dende o cemiterio de Cambados en 1967 e está soterrado no chan da capela.

- Francisco Asorey González (1889-1961): escultor. Foi inhumado directamente no Panteón de Galego Ilustres, no chan da capela.

- Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950): político, artista, escritor e un dos pais do nacionalismo galego. O 28 de xuño de 1984 colocáronse os seus restos, chegados de Bos Aires, nun mausoleo situado no lado dereito da igrexa, na capela do Santo Cristo. Esta data coincidía co 48º aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, que non chegaría a entrar en vigor. O traslado ocasionou enfrontamentos entre a policía e grupos nacionalistas, contrarios ao soterramento de Castelao no Panteón de Galegos Ilustres.

- Domingo Fontán Rodríguez (1788-1866): xeógrafo autor da triangulación xeodésica de Galicia e da Carta de Galicia. Foi trasladado dende o Cemiterio Xeral de Santiago o 30 de decembro de 1988, soterrándose no chan da capela.

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)